Perder o control do corpo é unha condena á que se enfrontan miles de persoas no mundo por culpa do Parkinson. Nos últimos meses vimos desde un cinto para axudar a tratamento até culleres ou bolígrafos para compensar o movemento que provoca. Pero o que a empresa GyroGear propón é contrarrestar o propio movemento para que non se produza.
Para conseguilo desenvolveron o GyroGlove, unha luva que utiliza unha serie de xiroscopios na parte posterior da man para contrarrestar os tremores. Os resultados que están a obter con este método están a ser notables, polo que esperan poder lanzar o primeiro modelo desta luva antes de setembro.
GyroGear naceu despois de que Faii Ong, o seu creador, estivese a coidar en Londres a unha paciente de Parkinson de 103 anos cando aínda era un estudante. Tal e como detallan na súa web, despois de ver o dura que era a vida de quen sofre esa enfermidade decidiu tomar cartas no asunto e buscar unha solución.
Despois de investigar varias alternativas xunto a investigadores da Universidade Imperial de Londres, acabou utilizando uns pequenos xiroscopios conectados a un circuíto que se sitúan na parte posterior da man suxeitos á luva mediante unha carcasa de plástico. Como sempre tratan de manterse erguidos mediante a conservación de momento angular, estes pequenos discos xiratorios fan que a luva sexa capaz de contrarrestar de forma instantánea e proporcional os movementos.
E é así como naceu o GyroGlove. En palabras dos propios pacientes que estiveron probando os prototipos, levalo é como mergullar a man nun líquido espeso que impide que lles trema. Os resultados que están a obter con este método son bos, e apuntan a unha redución do 80% no movemento provocado pola enfermidade.
Aínda que están a traballar no seu tamaño e o ruído que fai, este invento xa lle valeu á empresa GyroGear varios recoñecementos a nivel europeo, e a súa luva representa unha gran esperanza para moitas das organizacións que se dedican a tratar aos pacientes de Parkinson, e que tamén estiveron colaborando na investigación.
Cos fondos que recollen con estes recoñecementos, a empresa segue co desenvolvemento do GyroGlove. A súa intención é a de tentar lanzalos oficialmente antes de setembro no Reino Unido, a un prezo que estaría entre as 400 e as 600 libras.
Rexístrate como: