A predición de accidentes e a análise de condutas de prevención das persoas maiores que viven soas en casa teñen unha demanda crecente. Esta demanda non está aínda ben resolta, ou está resolta por medio de supervisión manual, en sistemas non eficaces nin con resposta inmediata: ante desmaios, caídas no baño, ou patoloxías nocturnas, por exemplo.
Ibermática, a través do seu Instituto de Innovación i3B, traballou nun sistema intelixente que introduce algoritmos de análises predictivos avanzados (BigAnalysis, Intelixencia Artificial), de forma que vai aprendendo cales son as pautas de conduta habituais destas persoas e detecta cando son anómalas. Se o sistema detecta que sucede algo inusual (nun sentido amplo), ou que non coincide respecto das recomendacións médicas, envía unha alarma en tempo real á familia, ao centro de atención máis próximo ou aos axentes médicos, sen intervención humana.
Para logralo, o sistema utiliza ademais a información dos sensores no fogar (de posición, de paso ou non por portas, de fume, gas ou temperatura), o coñecemento das súas actividades físicas recollidas por aplicacións móbiles, e as predicións de cales son os comportamentos usuais nun estado, horario, situación e contexto determinados, extraídos de forma automática, e que ademais poden ser complementados coa información de saúde personalizada baseada en informes clínicos codificados no sistema.
Este proxecto está a despregarse xa de forma real en decenas de domicilios, conseguíndose unha fiabilidade de coñecemento dos usuarios cunha precisión maior ao 81% de exactitude na detección de comportamentos de hábitos normais.
Un testeo que, como explica Pedro María da Pena, responsable do proxecto en i3B, está a resultar satisfactorio aínda que neste momento "é máis unha plataforma de provisión de servizos de monitoraxe, que un produto como tal, polo que para poder ser adquirido haberá que pasar un proceso de industrialización por parte de Ibermatica no que haberá que buscar socios sectoriais cos que dirixirnos ao mercado, así como puír algunhas incidencias en canto estabilidade, rango de precisión dos sensores, etc".
Sobre un despregamento comercial máis amplo, e aínda que todo depende do mencionado plan de industrialización, Da Pena explica que nun primeiro momento dirixirase ao ámbito privado, xa que o recorte en gasto en dependencia, "e en especial aos graos máis leves de dependencia, que é onde se dirixirá o produto, dificultará a posta en marcha de novas iniciativas no ámbito público". Aínda que esta situación se de nos primeiros pasos da vida comercial do produto, o responsable cre que unha vez se obteñan referencias significativas no ámbito privado, e xa con resultados tanxibles que permitan medir o grao de aforro, "procederase a realizar difusión comercial no sector público, á espera de conseguir apoio, aínda que sexa limitado".
A pesar de que existe un amplo abano de posibles aplicacións no ámbito da domótica para persoas maiores, que se aproveitasen das rebaixas nos prezos asociados ao hardware e o aumento da potencia para ofrecer novos servizos, Da Pena admite que aínda hai que realizar un traballo paralelo que ten que ver con concienciar das vantaxes da tecnoloxía en ámbitos nos que o afecto e o vínculo persoal son fortes. "Resulta difícil que persoas maiores de 75 anos, franxa media de idade do usuario principal ou de 50 anos, franxa onde se sitúan os coidadores familiares, confiar na tecnoloxía ambiental, xa que a súa experiencia redúcese a tecnoloxía que esixe a interacción do usuario"- conclúe.
Rexístrate como: