Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
abalarMóbil

Máis de 82.000 familias de 236 centros educativos seguen a actividade académica dos seus fillos a través da aplicación “abalarmóbil”

  • Pais e nais poden consultar as cualificacións, as faltas de asistencia ou solicitar unha titoría desde os seus dispositivos móbiles
  • A Xunta vén de ampliar o alcance deste servizo en mobilidade a 86 centros educativos das catro provincias
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 08/01/16 (08:30)

Nos últimos meses, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aumentou o número de centros que poden dispoñer da aplicación abalarMobil, beneficiando así a un maior número de familias que poden seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.

En total foron 86 os centros educativos que se incorporaron aos 150 existentes ata o momento. Deste xeito, xa son máis de 82.000 familias das 4 provincias galegas (104 da provincia da Coruña, 37 da provincia de Lugo, 29 da provincia de Ourense e 66 da provincia de Pontevedra) que se están beneficiando desta ferramenta. Neste enlace pódense consultar a listaxe dos centros educativos: https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/nova/abalarmobil.

Os pais e as nais que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia; visualizar as faltas de conduta, os horarios e as materias; acceder ás incidencias creadas polo profesorado e aos avisos ou notificacións dos docentes ou do centro educativo, e modificar o idioma da aplicación.

abalarMóbil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A aplicación pode descargarse nos markets Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android).

Acceso máis sinxelo
A principal vantaxe desta ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades con respecto aos servizos que ofrece espazoAbalar, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. Para acceder á parte privada do portal espazoAbalar é necesario dispoñer dun ordenador con certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Con esta aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal