Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Asistentes á xornada

Un cento de maiores celebraron o Nadal (e as novas tecnoloxías) en InLugo

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 23/12/15 (11:57)

O Centro de Innovación Social da Deputación de Lugo, InLugo, está estes días que ferve de actividade. Onte, sen ir máis lonxe, participaron na actividade de celebración do Nadal do centro (a Xornada de Nadal: Sons e Recordos) un cento de maiores de 55 anos. Os asistentes tiveron ocasión de achegarse ás ferramentas dixitais a través da música, crear unha tarxeta para felicitar estas festas e recibir consellos sobre alimentación saudable “dun xeito didáctico e lúdico”, informan fontes do centro xestionado pola Fundación TIC (Deputación de Lugo).

O presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, foi o encargado de entregar os galardóns aos tres gañadores do concurso-obradoiro O Apalpador TIC. Como lembraremos, o obradoiro de fotografía dixital desenvolveuse este mes nas aulas do InLugo, e foron os propios participantes os que elixiron e votaron a mellor fotografía do grupo.

A festa deste 22 de decembro (co que culminaron as actividades do último trimestre de 2015 no InLugo) incluíu un almorzo e unha merenda para, en palabras dos responsables de InLugo, “por en práctica os consellos dados por unha experta en nutrición a través do obradoiro Nadal Saudable”, que nos últimos días percorreu tamén varias localidades da provincia.

O centro tamén informou que a música tivo especial presenza na xornada, xa que se botou man dela para facerlles descubrir aos maiores novas aplicacións nas tabletas. Así, puideron interpretar panxoliñas e temas doutros xéneros a través das notas de instrumentos como o piano e a guitarra. Os participantes levaron un recordo en forma de fotografía tomada diante dun croma con paisaxes nevados e outros motivos de Nadal, coa que poderán felicitar estas festas. As instantáneas, que levaron impresas, formarán parte da galería fotográfica das redes sociais vinculadas á Fundación TIC. Informar tamén que ao longo do evento ficou aberta a mostra do obradoiro-concurso O Apalpador TIC, que impartiu o fotoxornalista José Luís Rodríguez Pradero, nas instalacións do InLugo.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal