Hai fendas sociais e de xénero en todos os recantos, mesmo onde arraigan o espírito aberto e crítico e os novos xeitos de traballar e cooperar, sobre o papel lonxe dos estereotipos e dos prexuízos. Por exemplo na Wikipedia, onde segundo reflicten estudos recentes sobre a mesma, só o 13% do que se edita vén da man de mulleres. Asemade, dos 300.000 editores que mudaron algún dos artigos ao menos en 10 ocasións, unicamente entre o 9 e o 15% das entradas foron modificadas por mulleres. Para emendar esta situación púxose en marcha o Cuarto Propio en Wikipedia, unha iniciativa dirixida a fomentar que unha boa parte das usuarias da Wikipedia pasen a ser xeradoras de contidos. O de “cuarto de seu” vén a conto do senlleiro ensaio de Virgina Woolf, editado na nosa terra e en galego por Sotelo Blanco. Nel, poñíase de manifesto unha inxustiza radical e de base que aínda se perpetúa: elas teñen moitas menos posibilidades de desenvolver as súas capacidades ca eles.
A iniciativa concíbese como “punto de encontro, reflexión, aprendizaxe e colaboración para diminuír a fenda de xénero na enciclopedia en liña”. E engade Carmen Galdón, unha das principais impulsoras do proxecto: “É preciso aumentar o número de editoras, pero se realmente queremos reverter os tremos trazos sexistas que existen na enciclopedia libre, é imprescindible a introdución de contidos dende un posicionamento claramente feminista”. O proxecto desenvólvese dende mes de outubro ao abeiro de Medialab. Inclúe no seu programa unha serie de obradoiros que fomentan o ensino colaborativo e a investigación. Neles, fanse cousas como dar a coñecer o funcionamento da enciclopedia en liña, impulsando xeitos de traballar eficaces e rendibles. A continuación búscanse maneiras de impulsar o labor cooperativo e acadar o meirande impacto posible no maior número de “sitios e contextos”. Os talleres colaborativos desenvólvense en Medialab, laboratorio cidadán do Concello de Madrid. O proxecto foi presentado alí o 29 de outubro e mañá mesmo, 17 de decembro, ten a súa vindeira xuntanza.
Rexístrate como: