As barreiras ás que as persoas con discapacidade se enfrontan cada día non só están nas rúas das cidades, no transporte público ou nos seus lugares de traballo e estudos. Tamén poden estar nos equipos informáticos. As novas tecnoloxías ofrecen unha magnífica oportunidade de derrubar obstáculos, pero para que así sexa é necesario que nos aseguremos de que os dispositivos e os programas que van aparecendo no mercado sexan accesibles.
Por sorte, existen investigadores que traballan para conseguilo, creando software específico e axustado ás necesidades das persoas con discapacidade. Imos proporche algúns exemplos que poden resultarche interesantes.
1. Navegadores accesibles ou adaptados
ZAC Browser foi deseñado para axudar a descubrir os beneficios de Internet a nenos con autismo. Con el atopan máis facilidades para explorar e xogar; e mesmo poden utilizalo nunha pantalla táctil. As persoas con discapacidade visual poden navegar usando programas como WebbIE Web Browser, que adapta calquera web para que a información que contén resulte lexible. Para usuarios con problemas cognitivos, WWAAC Web Browser é unha opción a ter moi en conta, pola súa presentación sinxela, a súa sintetizador de voz e a súa combinación de cores, entre outras posibilidades.
2. Lectores e magnificadores de pantalla
Esta clase de software axuda a utilizar equipos informáticos a persoas con discapacidade visual ou completamente cegas. Os lectores de pantalla como Windows-Eyes ou Dolphin son capaces de converter a información visual en información audible, ou mesmo de traducir a linguaxe Braille. Doutra banda, os magnificadores de pantalla como ZoomText ou iZoom adaptan o tamaño dos elementos que aparecen no noso monitor para que resulten comprensibles para o usuario. A maior parte destes programas tamén inclúen sintentizadores de voz que poden contarnos que é o que temos en pantalla.
3. Teclados virtuais
Para unha persoa con problemas de mobilidade, manexar un teclado convencional pode ser complicado ou até imposible. Unha solución é un teclado virtual, que leva as teclas á nosa pantalla para facilitar a súa identificación e uso. Hot Virtual Keyboard permítenos personalizar o aspecto do noso teclado, memoriza os nosos xestos e o noso comportamento habitual para axudarnos a teclear e tamén crea accesos directos para conducirnos aos nosos destinos frecuentes. A predición de palabras é o punto forte de Virtual Keyboard, que ofrece amplos dicionarios de castelán, catalán, inglés, francés e italiano.
4. Recoñecemento de voz
Outra forma de escribir textos ou controlar equipos informáticos é a través da voz, algo que pode lograrse a través de programas como XVoice. Hai numerosas investigacións neste ámbito que fan que as posibilidades se multipliquen a diario. Por exemplo, dous estudantes de Enxeñaría Industrial da Universidade Miguel Hernández de Elxe desenvolveron un programa que debuxa por recoñecemento de voz, tecnoloxía que planean aproveitar para moitas outras funcións.
Rexístrate como: