O Goberno galego e a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) veñen de anunciar unha nova liña de traballo conxunto destinada, nas súas propias palabras, a “garantir que a capacitación dixital chegue a todos galegos a través das actividades que organiza e promove a Rede de aulas CeMIT”. A colaboración FEGAMP-Xunta, que se vai desenvolver ao longo de 2016, foi aprobada hoxe no Consello da Xunta, estando prevista a sinatura do mesmo para os días vindeiros (sinatura formalizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, a Vicepresidencia e Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a FEGAMP). Segundo se detallou no Consello, a alianza encamíñase a impulsar na cidadanía coñecementos e formación sobre o acceso ás TIC e, nun plano máis amplo, sobre habilidades dixitais, “facilitando aprendizaxe permanente e contribuíndo á mellora da empregabilidade”.
O acordo establece que en 2016 a axencia AMTEGA achegará aos concellos a través da FEGAMP 782.774,70 euros para a realización de actividades en materia de inclusión dixital nas aulas da devandita rede, máis polo miúdo nas consideradas “aulas de referencia”. O orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade destes espazos de divulgación TIC así como da poboación do concello. Segundo salienta a axencia, unha das “novidades” do acordo deste ano reside na posibilidade de “dispor dunha listaxe de aulas de reserva, de xeito que, cando unha aula de referencia sexa baixa por vontade propia ou por incumprimento dos criterios establecidos, as aulas de reserva poderán pasar a ser aula de referencia sempre e cando cumpran os requirimentos de actividade”. O orzamento constitúe unha parte do investimento total que a AMTEGA destinará á inclusión social o vindeiro ano, que ascende a máis de 1,6 millóns de euros. Os obxectivos previstos da Rede para 2016 son impartir 45.000 horas de formación dixital gratuíta é acadar os 56.000 usuarios rexistrados.
Segundo se fixo saber, xunto coas actividades formativas, o vindeiro ano porase a disposición da cidadanía galega dúas novas ferramentas para facilitar o acceso aos recursos de capacitación dixital. Así, entrará en funcionamento unha web de Inclusión Dixital. Esta abranguerá toda a información relacionada cos servizos, proxectos e iniciativas desenvolvidas pola Xunta neste eido e máis un mapa de e-inclusión, que fará posíbel atopar e xeolocalizar os ditos activos e recursos dispoñibles en Galicia no ámbito dixital.
A maiores, AMTEGA engadiu que o vindeiro ano terán continuidade iniciativas singulares que se puxeron en marcha en 2015, como por exemplo CeMIT-Innova, un proxecto para o fomento da innovación social dixital en Galicia e que supuxo a posta en marcha de dez novos pilotos colaborativos impulsados polos axentes TIC das aulas. Tamén se ampliará O Banco de tempo, que busca compartir horas de formación entre centros a través de videoconferencia.
Rexístrate como: