Reconstruír o coñecemento xeográfico, cada nome de cada cousa que hai no noso territorio, dende un ámbito onde as novas tecnoloxías estean ao servizo do igualitario e do cooperativo. Esta de refacer cartografías ceibes de punto de vista interesados e persoais é a proposta das xornadas Mapeos participativos desde a perspectiva de xénero que se celebran este xoves e venres na Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e que achegan, en palabras das súas impulsoras, “a oportunidade de afondar noutras formas inclusivas de ver a contorna”. Os encontros veñen da man de Silvia García e María Isabel Doval, diríxense a afianzar novos xeitos de mapear, a través da crítica e a reflexión. Para isto, botarán man da ampla dispoñibilidade tecnolóxica actual e do acceso a ferramentas de xeorreferenciación.
O programa das xornadas xunta expertos e expertas en mapas colaborativos, artistas, especialistas en planificación do territorio e sociedade, educadores e outros profesionais centrados nos estudos de xénero. Entre os participantes estarán artistas como María Meijide e Víctor Ulla e representantes de proxectos tecnolóxicos de investigación e expresión artística como Escoitar.org, o Colectivo RE.CREO, o Taller de Artes Plásticas 13.14 e Dexeneroconstrución.
A actividade está dirixida a universitarios e universitarias, a profesionais que traballan en relación co urbanismo, tanto dentro das administracións públicas como en empresas privadas, e ao público en xeral. Patrocinadas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, as xornadas abranguerán mesas redondas e obradoiros. “Durante as sesións”, informan as organizadoras, “afondarase en temas como investigar cuestións de xénero con recursos visuais e mapas; os dispositivos múltiples existentes para construír mapas, circuítos e paisaxes arredor do xénero ou a iconografía e pictogramación desde unha perspectiva igualitaria”.
Rexístrate como: