Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
coworking

A Deputación de Pontevedra impulsará o emprendemento colaborativo e innovador en Barro, Meis e Lalín

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 02/12/15 (11:29)

A Deputación de Pontevedra está a apostar polas novas formas de traballo colaborativo e innovador. Así se reflicte no acordo asinado estes días coa Escola de Organización Industrial encamiñado a impulsar o emprendemento na provincia. Segundo fai saber a entidade provincial, a través deste convenio destinaranse 320.000 euros para a creación de espazos conxuntos de co-working (traducible por co-traballo: unha nova fórmula laboral que xunta diversos profesionais e sectores compartindo un mesmo espazo físico e virtual e desenvolver proxectos independentes ou conxuntos) no Polígono Industrial de Barro-Meis e en Lalín. Neles levaranse a cabo actuacións de formación, seguimento e adestramento para os novos proxectos empresariais acubillados.

O convenio, que terá unha vixencia de dous anos prorrogábeis, abrangue o equipamento destes espazos de Lalín, Barro e Meis con conexión Wi-Fi e eléctrica. Nestes acubillos de co-working farase especial fincapé en fomentar novas metodoloxías de traballo, comezándose pola fórmula do Lean Startup, destinada a acelerar o proceso de identificación da visibilidade dos proxectos emprendedores. Segundo avanza a Deputación, os espazos contarán tamén cun servizo de coordinación para o apoio de emprendementos, centro de formación e salas de reunión para o proceso de seguimento e tutela.

Con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra busca fomentar o emprendemento na provincia e aumentar a probabilidade de éxito dos proxectos dos emprendedores nun período limitado de tempo, “identificando aqueles con maior potencial de desenvolvemento”. Para isto, realizaranse catro convocatorias públicas de co-working cunha duración, cada unha delas, de 5 meses, dando cabida cada unha a un mínimo de 16 e máximo de 22 proxectos emprendedores nos que participarán entre unha e tres persoas. Cada convocatoria desenvolverá 12 obradoiros obrigados de formación de 5 horas cada un sobre o desenvolvemento de competencias de emprendemento e xestión de proxectos. Por certo que cada edición de co-working incluirá eventos co obxectivo de impulsar o networking entre emprendedores así como, nas semanas finais do proxecto, unha xornada demostrativa de presentación das actuacións.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal