Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Maker Faire

Maker Faire, o maior festival de tecnoloxías creativas do mundo

  • O próximo 20 de novembro dará comezo en Bilbao a Maker Faire, o maior festival de tecnoloxías creativas do mundo.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/11/15 (08:20)

O novo e o vello únense: o evento, que estará repleto de robots humanoides a tamaño real, vestidos controlables por móbil, submarinos ou drons, realizarase na Antiga Fábrica de Galletas, na illa creativa de Zorrozaurre. Esta feira xa reuniu a miles de persoas en Nova York, San Mateo (California) ou Roma, así como noutras 150 cidades do planeta, e agora, por primeira vez, chega a España.

A filosofía principal deste evento, e que fixo que teña tanto éxito, é o Do-It-Yourself (Faino-Ti-Mesmo), no que desde as compañías máis importantes até os proxectos universitarios poden mostrar as súas creacións tecnolóxicas e de fabricación dixital. Ademais, poderase interactuar con outras iniciativas da illa creativa como unha escola de skate, unha escola de circo, un rocódromo de escalada e un espazo de Artes Escénicas. Tamén haberá decenas de talleres gratuítos de iniciación á electrónica creativa, impresión 3D, submarinos low-cost, moda e tecnoloxía, así como unha ampla zona na que varios mozos exporán os seus propios proxectos interactivos, realizados grazas ao apoio de BBK, principal patrocinador do evento xunto a Bilbao Ekintza, Beaz e Trotec Laser.

"Este evento pode cambiar a vida das persoas, poden ver as profesións que de verdade lles interesa e que noutros sitios non van atopar. Ademais, é unha iniciativa para todos os públicos", declarou a este medio Karim Asry, un dos organizadores do evento.

"Isto non é unha competición. Aquí flúe o coñecemento cos talleres de iniciación, onde a cultura e a filosofía Maker van da man. O Faino-Ti-Mesmo é un paraugas onde cabemos todos, a creatividade permite coller todas as ferramentas que teñas á túa disposición sen importar quen es", afirmou. Esta cultura permite realizar diferentes expresións creativas a calquera que o desexe. Ademais, como asegurou Asry, "o que realmente teña curiosidade pola tecnoloxía vai atopar o seu sitio aquí".

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal