Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Galiciencia 2015

A Tecnópole prepárase para celebrar a Galiciencia

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/11/15 (08:19)

A Galiciencia cumpre dez anos de vida e quere celebralo ao grande: con récord de visitantes (supéranse os 20.000 ao longo destes 10 anos) e proxectos (500 na vida total do evento) chegados de toda Galicia, Euskadi e Cataluña... e mesmo cunha torta de aniversario! Indo ao miolo da que se pode considerar a meirande feira científica de Galicia, informar que o encontro terá lugar a vindeira semana, entre o 18 e o 20 de novembro, no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense), no que se presentarán 74 investigacións e enxeños, todo isto grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Cómpre informar que a Tecnópole reforza a organización de actividades parellas e consolida a experiencia piloto do ano pasado para dar entrada a proxectos de Primaria: 52 proxectos de Secundaria e 22 de Primaria, estes últimos fóra de competición.
Emporiso, a previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas pola mañá e de 15 a 18 horas pola tarde.

Os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que acade a maior puntuación levará o primeiro premio (1000 euros) para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2016.

Como xa apuntamos ao comezo, a Galiciencia chega á súa décima edición cun variado programa de actividades, que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz a través de catro obradoiros para diferentes idades. Engadir que esta será tamén a temática da exposición instalada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da charla que poderá seguirse en liña dende calquera centro educativo de Galicia grazas á súa retransmisión en streaming.

En canto aos máis pequenos, terán a ocasión de mergullarse no mundo da robótica a través doutro obradoiro. E os maiores poderán percorrer os dez anos do evento a través dunha exposición de fotografía na que se recollen os mellores intres.
Un ano máis, a Galiciencia contará cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira, que gravarán todo o que aconteza para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes. Asemade, o certame volverá montar a súa propia redacción de xornalistas (formada por estudantes adestrados como reporteiros) para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.

Xa na clausura, alén da entrega de premios aos mellores proxectos e ao gañador do concurso de fotografía científica, todos os participantes soprarán as candeas dunha torta para festexar o décimo aniversario da Galiciencia.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal