O campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil D3Mobile Metrology World League, certame promovido polo grupo de investigación USCAN3D da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, terá presenza dende hoxe en dous importantes foros científico-tecnolóxicos a celebrar en Bruxelas. Trátase de dous encontros impulsados pola iniciativa europea Scientix e nos que as investigadoras da USC Mariluz Gil Docampo e Teresa Rego Sanmartín presentarán as características e os obxectivos da D3Mobile Metrology World League, unha iniciativa dirixida a potenciar as vocacións científicas en estudantes de ensinanzas medias de todo o mundo.
Como dixemos, os dous eventos científicos nos que se presentará este campionato mundial de raizame galega están organizados por Scientix, unha iniciativa de European Schoolnet, a rede de 31 Ministerios Europeos de Educación financiada polo VII Programa Marco da Unión Europea. Scientix é un proxecto que promove e apoia a colaboración entre docentes, investigadores do ámbito do ensino, lexisladores e outros profesionais da docencia de materias CTIM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) a nivel europeo.
As investigadoras do grupo USCAN3D Mariluz Gil Docampo e Teresa Rego Sanmartín, ofrecerán este venres no Laboratorio da Aula do Futuro (FLC) un primeiro relatorio de presentación, no que exporán a traxectoria seguida polo campionato D3Mobile desde que arrincou a primeira edición, en 2012. Durante este primeiro evento, compartirán e intercambiarán a súa experiencia, métodos, problemas, boas prácticas, etc. con outros responsábeis de proxectos de ensino de STEM e habilidades dixitais de varios países europeos. Gil Docampo e Rego Sanmartín, do grupo USCAN3D da USC, farán o sábado unha nova presentación ante directores de centros escolares de toda Europa, reunidos neste segundo evento para compartir coñecemento e consellos entre eles e discutir os enfoques escolares que permitan fomentar o interese dos estudantes polas carreiras científicas. Segundo informa a Universidade de Santiago, os docentes participantes tamén poderán experimentar unha das probas incluídas no campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil nun workshop que se desenvolverá a mañá do domingo 8 de novembro.
O campionato D3MOBILE, que dirixe o profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, Juan Ortiz, foi unha do dez iniciativas financiadas por fondos públicos convidadas por Scientix para este evento.
Respecto dos apoios cos que conta D3Mobile Metrology World League, salientar o apoio recibido nas tres edicións xa celebradas pola Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT); o Centro Español de Metroloxía (CEM), o Instituto Xeográfico Nacional (IGN), a Fundación Vodafone España, Universia, o Banco de Santander, a Fundación Barrié, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía e empresas como a española BQ, así como diversas asociacións de pais de alumnos, sindicatos e centros educativos, que apoian o proxecto.
Rexístrate como: