Narciso Soto (18 anos), cun bastón electrónico para invidentes, Susana Niclós (23 anos), cunha rede de enchufes programables que se controlan por Internet, e Carlos Andrés Martínez Casais (25), cun transmisor/cargador inalámbrico para múltiples dispositivos, son respectivamente o primeiro e segundo premio compartido ex aequo deste concurso de ideas e proxectos innovadores. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) organizan este certame para menores de 30 anos.
O presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo, e o director xeral da FECYT, José Ignacio Fernández Beira, entregaron os premios aos autores dos proxectos gañadores nun acto celebrado este martes 3 de novembro, na sede central do CSIC, en Madrid.
O xurado, presidido pola vicepresidenta adxunta de Cultura Científica do CSIC, Pilar Tigeras, compuxérono 19 persoas procedentes da comunidade investigadora e empresarial.
Proxecto B-Compass
Narciso Soto conseguiu o primeiro premio do concurso, dotado con 2.500 euros e unha tablet, polo seu proxecto B-Compass, un bastón electrónico para invidentes cun sensor de distancia orientable que detecta a presenza de obstáculos. B-Compas supón unha mellora fronte ao bastón tradicional e ao can guía porque facilita a autonomía da persoa invidente en contornas descoñecidas. Asesorado por persoal do ONCE, o mozo gañador ha deseñado este prototipo que avisa, mediante unha vibración no mango do bastón, da presenza de obstáculos mesmo en altura ou de vehículos nun cruzamento, ademais de facilitar a orientación con tecnoloxía GPS.
Tanto o software como o hardware deste prototipo foron realizados con ferramentas libres (programas e impresora 3D open source), o que abarata moito os custos: entre 65 e 75 euros. Soto acaba de chegar a Madrid para estudar Enxeñaría Aeroespacial.
Licenciada en Enxeñaría Industrial, Susana Niclós obtivo o segundo premio ex aequo Innovaciencia por Smartplug, unha rede de enchufes programables e controlables de forma remota a través de Internet. Grazas a esta tecnoloxía é posible apagar ou acender calquera electrodoméstico, controlar a temperatura e humidade dun lugar ou conectar alarmas antirrobo na casa, entre outras aplicacións.
Smartplug está pensado para usarse de forma autónoma ou como base para desenvolver novos proxectos e aplicacións personalizadas, polo que todo o código fonte é libre e foi comentado pola autora.
Pola súa banda, Carlos Andrés Martínez Casais, tamén enxeñeiro industrial, desenvolveu un cargador/transmisor de electricidade inalámbrico multidispositivo, que mereceu tamén o segundo premio Innovaciencia (dotado con 1.000 euros e unha tablet para cada un). O transmisor pode alimentar con electricidade distintos dispositivos (móbil, tablet, televisor, ventilador, lámpadas, etc.) a unha distancia de até dous metros sen utilizar cables, o que permitiría, por exemplo, cargar o móbil sen sacalo do peto ou mentres se usa.
Outra das vantaxes deste sistema é que transmite a electricidade a través de muros ou tabiques, o que resulta útil en contornas onde non existe unha instalación eléctrica, como un xardín.
Organizado polo CSIC e FECYT
Innovaciencia é un certame de ideas e proxectos de innovación dirixido a mozos menores de 30 anos. Organizado polo CSIC e FECYT, conta coa colaboración da Fundación García Cabrerizo.
O galardón, unha árbore da ciencia sobre unha base de madeira de oliveira, é en si mesmo unha mostra de innovación. Cun deseño da investigadora de 28 anos Rosalía Rementería, do Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas do CSIC, o premio está realizado nun aceiro novo que desenvolveu o CSIC denominado Neuroflex e cortado por láser para conseguir a complexa forma da árbore.
Rexístrate como: