Onte na Cámara de Comercio de Vigo presentouse a segunda edición de "Yo me prep@ro", un programa de formación en TIC para a inserción laboral de persoas con síndrome de Down. No acto interviñeron a concelleira do concello de Vigo MªJesús Lago; a delegada de Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa; o xerente da Cámara de Comercio de Vigo, José Manuel García Orois; o Responsable de Administracións Públicas Galicia de Vodafone España, Jesús Sueiro; o presidente de DOWN VIGO, Fernando Molina; a responsable de emprego de DOWN VIGO, Eva Alonso; e os responsables das empresas Atendo e Reydel, Luís Barros e Óscar Failde.
Na presentación do programa en Vigo, Jesús Sueiro felicitou a DOWN ESPAÑA por superar as expectativas marcadas ao comezo do proxecto. Doutra banda, explicou que a Fundación Vodafone España "contribúe xusto no que somos máis hábiles, as Novas Tecnoloxías, para axudar a colectivos como o das persoas con discapacidade e as persoas maiores. Temos a sorte de que a día de hoxe as tecnoloxías están presentes na vida cotiá e isto facilítanos mellorar moito a súa calidade de vida" e destacou "os excelentes resultados son o mellor aval de garantía da eficiencia".
O programa "Yo me prep@ro"
O obxectivo do proxecto "Yo me prep@ro" é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias para facilitarlles o acceso ao emprego, a través das diferentes tecnoloxías implantadas na sociedade: acceso a Internet, uso do computador, acceso a redes bancarias informatizadas, comunicación a través da telefonía móbil ou fixa, realizar consultas en organismos públicos, programación e uso da televisión e DVD, etc.
Grazas ao programa "Yo me prep@ro" están a recibir formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 32 usuarios de DOWN VIGO. Na I edición do programa formáronse tamén 32 usuarios dos cales 10 conseguiron un contrato laboral.
A nivel nacional o proxecto completou o seu primeiro ano (2014) con gran éxito pois superou as expectativas tanto no número de prácticas laborais conseguidas como na cifra de contratacións laborais, alcanzando os 72 contratos de traballo. En 2015 recibirán esta formación en Novas Tecnoloxías un total de 240 usuarios de toda España a través de 15 cursos, cun total de 10.500 horas lectivas.
O programa de formación desenvolverase en dous niveis: un de iniciación e outro de profesionalización, ambos dun ano de duración. O nivel de profesionalización comprende tamén prácticas en contornas laborais cuxo obxectivo é conseguir a inserción laboral.
Convenio marco
A realización deste proxecto enmárcase dentro do Convenio Marco subscrito con data 8 de novembro de 2013 entre a Fundación Vodafone España, a Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual -FEAPS- e DOWN ESPAÑA para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade intelectual.
Este convenio busca fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á accesibilidade e fará especial fincapé naquelas iniciativas que contribúan á participación das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral a través de proxectos piloto de innovación e sesións formativas e de divulgación.
Rexístrate como: