Toca falar agora do movemento Maker. O Maker está ligado ao desexo de facer cousas coas nosas propias mans, o chamado “faino ti mesmo” (coñecido polas siglas “DIY”, do inglés “Do It Yourself”). Este concepto vén de virar cara o dixital, e como todo o que se dixitaliza, transfórmase. Ben, isto é o que se coñece na actualidade como movemento Maker, un termo creado por Dale Dougherty de O’Reilly Media que nos fai lembrar á revolución industrial pois estamos perante mercadorías físicas creadas co modelo de innovación dixital da web. Todo isto serviu de eixo para reunir este sábado 17 de outubro en Área Central aos seguidores deste xeito de ver a realidade, estamos a falar da 1ª edición da Compostela Maker Faire.
Á cita asistiron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada dun dos organizadores do evento, Enrique Saavedra, e do xerente de Área Central, Javier González. Cómpre dicir que o Concello colaborou coa actividade a través do programa de dinamización económica Compostela Móvese.
Emporiso, esta primeira edición de Compostela Maker Faire naceu como un escaparate para que inventores e creadores puideran amosar o seu enxeño a todos os públicos, emprestando especial atención aos máis pequenos, que contaron con actividades de balde durante todo o sábado, como obradoiros de plastilina condutiva, robótica, ecodeseño ou papiroflexia. Asemade, esta feira quixo ser tamén unha celebración do movemento Maker.
Engadir que Área Central acolleu o sábado actividades para todo tipo de público, incluídas actuacións de LAR Legido (unha figura española do panorama musical da libre improvisación), unha sesión de DJ na zona Relax, ou un monólogo do cómico Víctor Grande. O público máis coñecedor ou interesado no movemento Maker contou con cinco mesas de debate nas que diferentes expertos reflexionaron sobre a creatividade.
Rexístrate como: