Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da xornada

A iniciativa Rapaciñ@s do CPEIG e a Amtega chega mañá a Ribadeo con obradorios e charlas sobre os riscos e as vantaxes das novas tecnoloxías

  • Ofrecerá a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos diferentes actividades de navegación segura e protección de datos e a pais e nais a charla informativa dun experto
  • Non é necesaria a inscrición e as prazas cubriranse por orde de chegada á Casa da Xuventude do Concello
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 20/10/15 (14:44)

Mañá mércores, 21 de outubro, a Casa da Xuventude de Ribadeo acollerá a xornada Rapaciñ@s, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O horario do evento –que é gratuíto- vai de 19.30 H. a 20.30H.

Nais, pais e docentes aprenderán as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os riscos que tamén presentan. Namentres os adultos asisten a unha charla dun colexiado do CPEIG, os nenos participan nuns obradoiros lúdicos ao tempo que moi didácticos sobre navegación segura e protección de datos.

Rapaciñ@s é un Programa que consta dunha serie de charlas informativas que percorre Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Para asistir ás conferencias e obradoiros non é necesaria inscrición previa e as prazas cubriranse por orde de chegada.Cómpre que as nenas e nenos leven unha tablet ou un smartphone para participar nos obradoiros.

 

Límites e oportunidades
A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións nace a iniciativa Rapaciñ@s.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal