AGASOL, ASOLIF e Cluster TIC Galicia organizan a quinta edición de LibreCon, conferencia de negocio e tecnoloxías abertas, os próximos días 29 e 30 de outubro en Santiago de Compostela, cuxa axenda se publicou esta semana. A Cidade da Cultura congregará durante dúas xornadas a responsables do mundo da empresa, a administración e a educación para coñecer tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas que están a facer máis competitivas e innovadoras a empresas e administracións públicas.
LibreCon mantén o seu obxectivo fundamental de creación de negocio e emprego en todos os sectores da sociedade a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento esperando superar as 500 reunións de negocio da edición 2014. A asistencia é gratuíta previo rexistro: Rexistro LibreCon.
A cita contará con representantes internacionais do mundo tecnolóxico da talla de Victor Palau de Canonical, Dominig Ar Foll de Intel Open Source, Roberto Zompi de GENIVI e Magnetti Marelli (grupo Chrysler-Fiat), Tin Hang Liu de Open Source Vehicle e Jim Groom creador de EDUPUNK que ofrecerán sesións maxistrais sobre Internet of Things (IoT), automóbil conectado e educación.
Co obxectivo de compartir coñecemento, unha trintena de charlas e talleres dun gran número de empresas e representantes nacionais como Igalia, ASPGems, Irontec, IBM, SuSE ou Teléfonica e organizacións como a Xunta de Andalucía ou a Universidade de Granada, entre outros, conforman unha axenda cargada de sesións dedicadas a dar a coñecer novas iniciativas que mostren como as tecnoloxías abertas axudan á xeración de negocio en todos os sectores de actividade. A zona expositiva, premios e actividades sociais, completan dúas xornadas repletas de tecnoloxía.
Un evento en familia: Librekids
Co obxectivo de animar e facilitar a asistencia a aquelas persoas que teñan interese por participar nas xornadas do venres tarde, así como achegar a tecnoloxía aos máis pequenos, LibreCon ofrece o novo espazo LibreKids.
Dous talleres estarán dispoñibles para gozar da tecnoloxía nas actividades en familia. O taller 'Enredando con Mimadriña: origami e leds' é unha proposta educativa e social que emprega como ferramenta base o origami a partir de 5 anos. 'Enredando con escornabots: robótica e impresión 3D abertas' achegará a robótica e programación a nenos e nenas a partir de 6 anos.
As actividades son gratuítas previo rexistro a través do sitio web da conferencia.
Rexístrate como: