Arredor de trinta nenos de entre sete e quince anos, acompañados dun adulto, achegaronse o sábado dun xeito lúdico ao mundo da programación no “Scratch Day”, unha xornada organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
A actividade, que tivo lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura, buscaba tamén a implicación e a concienciación dos pais neste ámbito para que os rapaces se sintan atraídos pola programación informática, de forma que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor para seguir no fogar.
Ademais, de forma paralela, levouse a cabo unha acción formativa en “Scratch” destinada ao profesorado, no que participaron trinta docentes, dentro do programa “Aprendo programando” incluída no Plan Proxecta, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Obxectivos da xornada
A xornada tivo como obxectivos xerais eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a contorna da programación “Scratch” e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta informática.
Ademais, con esta actividade preténdese difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.
Formadores
No “Scratch Day” contouse coa participación das asociacións “Programamos”, que impartiu a formación a rapaces e pais, e “Código Octopus”, que contribuíu á formación ao profesorado.
“Programamos” é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundamental é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, desde educación infantil ata formación profesional.
“Código Octopus” é unha fonte de recursos en galego para o profesorado con bases en calquera materia que se desexe introducir á programación na docencia. Conta con material para aprender a programar en “Scratch” en Educación Primaria e Educación Secundaria e proximamente para desenvolver proxectos de “S4A: Scratch for Arduino”. Tras este proxecto atópase un grupo de profesorado de tecnoloxía do sistema educativo galego.
Rexístrate como: