Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Educación na nube

Guía Práctica da Educación Dixital

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 13/10/15 (08:04)

Samsung presentou este mércores as conclusións e recomendacións recollidas na "Guía Práctica da Educación Dixital", elaborada pola compañía sobre a integración das tecnoloxías na aula para enriquecer o proceso de aprendizaxe.

A investigación destaca o importante papel que xogan as 'tablets', convertidas no novo "caderno" dos alumnos, que impulsan os actuais métodos de aprendizaxe colaborativo e introducen o entretemento como alicerce estratéxico para estimular a pedagoxía nas aulas.

A guía sobre a práctica educativa, elaborada por un equipo de investigadores da Universidade de Valencia co apoio de Samsung e do INTEF, está baseada na aplicación do proxecto Samsung Smart School en 15 colexios públicos españois durante o curso 2014-2015.

"Samsung Smart School non pretende unicamente a transformación dixital das aulas, senón que vai máis aló para mellorar o ecosistema de aprendizaxe baixo o modelo de educación 'Digital Smart'. En Samsung quixemos por o noso maior activo, a innovación, ao servizo dos centros educativos, participando no apaixonante cambio metodolóxico e pedagóxico que se está producindo actualmente. Xunto ao compromiso docente e social, a tecnoloxía xogará un papel decisivo nesta transformación da práctica educativa", declarou o director de Relacións Institucionais, Comunicación e Cidadanía Corporativa de Samsung España, Francisco Hortigüela.

O acto de presentación, celebrado na Biblioteca Nacional, contou coa presenza do devandito director, acompañado polo director xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, José Luís Blanco López; o investigador da Universidade de Valencia, Cristóbal Suárez; e o participante no programa Samsung Smart School procedente do CEIP de San Francisco de Logroño, Gonzalo Lozano.

 

A tecnoloxía como aliado educativo na aula

Entre os resultados da investigación, destaca a relación entre o uso eficaz das tabletas e o cambio na metodoloxía docente, orientada actualmente cara á Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) e a aprendizaxe colaborativa, na que o alumno asume un maior protagonismo fronte aos modelos tradicionais. Grazas á mobilidade que brindan as 'tablets', as aulas transfórmanse ademais en espazos abertos e flexibles onde profesores e alumnos poden conectar, compartir e colaborar con maior facilidade.

Segundo describen os docentes participantes no proxecto Samsung Smart School, a 'tablet' converteuse nun "reto ilusionante" ao permitir realizar novas actividades e tarefas, distintas a ler ou escribir, e brindar posibilidades como a investigación en rede, a edición conxunta na nube ou o uso de contidos multimedia. Por parte dos profesores, ademais do uso das 'apps' na clase, o dispositivo introduciu catro grandes novidades nos métodos de avaliación: a avaliación como activo de entretemento, a introdución de rúbricas, a inmediatez na resposta e a avaliación tipo test en rede. En todos os casos, a 'tablet' supuxo un avance na atención individualizada e o seguimento personalizado do traballo de cada alumno, un aspecto do que se benefician especialmente os estudantes con necesidades educativas especiais.

 

Recomendacións e retos educativos

Partindo da iniciativa Samsung Smart School, creouse unha rede de aulas tecnolóxicas avanzadas cuxa experiencia e práctica educativa diaria pode ser aproveitada por outros centros en España. Baseándose nos resultados do estudo, a "Guía práctica da educación dixital" ofrece, así, unha serie de recomendacións referidas tanto aos docentes, como aos alumnos e ao propio contexto educativo.

Incrementar a seguridade dixital é un dos grandes retos do novo modelo educativo. Xunto ás solucións de control parental para atender a seguridade dixital en menores, os investigadores propoñen fomentar a seguridade como parte da competencia e identidade dixital dos alumnos e non como unha supervisión externa.

A pesar de ser considerados "nativos dixitais", os alumnos deben desenvolver as competencias dixitais necesarias para utilizar as tabletas na súa aprendizaxe, o que vai máis aló da mera competencia técnica. "A tecnoloxía, en definitiva, debe formar parte dunha estratexia educativa global. Hai que deseñar as actividades de aprendizaxe asumindo que os alumnos e os docentes forman parte dun escenario aberto e global. Tanto docentes como directivos teñen que ser conscientes da necesidade de establecer e desenvolver unha cultura dixital no seu centro educativo", destaca Cristóbal Suárez.

Recuperar o xogo como parte da aprendizaxe é outra das principais recomendacións da guía para dar o impulso definitivo á transformación dixital da educación. Cos aparellos electrónicos, os alumnos aprenden a buscar e obter información por si mesmos, o que supón un cambio de rol docente. Ademais, aproveitando a asociación que fan os alumnos entre tableta e xogo, proponse dar o salto á gamificación como estratexia pedagóxica na aula. Finalmente, os investigadores destacan o papel catalizador de 'tablet' cara ao enfoque 'Flipped Classroom' ou aula invertida, ampliando as contornas nas que se desenvolven procesos de aprendizaxe (como o fogar ou as actividades extraescolares) e combinándoos coa aula.

 

Un novo modelo de educación intelixente e dixital

Samsung Smart School, o programa de cidadanía corporativa de Samsung para a transformación dixital das aulas, abarca actualmente 38 centros de Educación Primaria e 2.100 estudantes de toda España. A través deste programa, Samsung pretende impulsar a aprendizaxe dos alumnos e ofrecer novas ferramentas pedagóxicas aos docentes, mediante o uso de dispositivos móbiles e tecnoloxía de última xeración. A formación dos docentes é outra das pezas fundamentais do programa, orientándolles de forma práctica para aproveitar os novos recursos tecnolóxicos na aula.

O fin último do programa é contribuír a eliminar a posible fenda dixital nos colexios desfavorecidos pola súa localización xeográfica (zonas rurais afastadas), o seu cociente de abandono escolar, a súa taxa local de desemprego ou a atención ás necesidades dos alumnos de Educación Especial.

O programa desenvólvese en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España e esténdese xa por 13 comunidades autónomas, ademais de Ceuta e Melilla.

Os dispositivos tecnolóxicos utilizados no programa Samsung Smart School inclúen tabletas dixitais interactivas, a 'tablet' Samsung Galaxy Note 10.1 e o bolígrafo dixital S Pen, que permite manexar a tablet e facilita tarefas educativas básicas como a escritura, o subliñado de contidos, a toma de apuntamentos ou o debuxo.

Respecto das aplicacións utilizadas, os investigadores detectaron unha tendencia ao uso docente de apps xenéricas, non ligadas a un contido específico, senón compatibles con múltiples áreas curriculares. Entre elas, figuran apps tan populares como S-Note, Youtube, Google Drive, Polaris Office ou Tellagami.

 

Metodoloxía de investigación

A "Guía práctica da educación dixital", elaborada por un equipo de investigadores da Universidade de Valencia co apoio de Samsung e do INTEF, está baseada na aplicación do proxecto Samsung Smart School en 15 colexios públicos españois durante o curso 2014-2015. A elaboración apoiouse en tres compoñentes: o estudo da opinión dos docentes que participaron no proxecto a través de enquisas 'online'; a exploración da súa práctica educativa na aula e o traballo en sesións de 'focus group' cos docentes e entrevistas; e por último, a análise das 80 unidades didácticas xeradas e aplicadas no proxecto.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal