A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o 8 de outubro a sétima xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector. A sesión formativa celebrarase no Centro Demostrador TIC en horario de 17.00 a 20.30h. baixo o título “Colaboración e participación dixital para o terceiro sector con ferramentas libres” (https://cdtic.xunta.es/ferramentas-participacion).
No obradoiro exporase como facer máis inclusivos os debates e as decisións nun proceso participativo, así como desenvolver propostas ben feitas e integradoras para que a colaboración sexa unha experiencia máis enriquecedora para o colectivo participante. Analizaranse as diferentes ferramentas tecnolóxicas existentes para habilitar estes procesos e, en particular, afondarse na plataforma e-cidadania, que será sometida a proba durante a sesión. Como resultado do obradoiro, elaborarase un mapa no que se plasmará para que serve cada ferramenta dispoñible e como poden complementarse estas cos dispositivos móbiles presentes na sala.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica. Impartirá o obradoiro Ana Lorenzo Vila, socia traballadora da empresa Cidadanía, cuxo exercicio profesional céntrase no impulso das democracias participativas, principalmente nos ámbitos da participación cidadá nas políticas públicas e no impulso do cooperativismo.
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e a inscrición está aberta.
Actividades para o terceiro sector
Coa xornada “Colaboración e participación dixital para o terceiro sector con ferramentas libres” continúa o ciclo de actividades formativas dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro e organizadas polo CDTIC en colaboración coa Rede Galega contra a Pobreza.
Trátase dun total de nove actividades que comezaron o 10 de setembro e contaron coa presenza de máis de 120 asistentes, e que continuará co seminario “CiviCRM: captación de fondos e comunicación cos grupos de interese no terceiro sector (https://cdtic.xunta.es/CiviCRm-3er-sector)” o vindeiro 15 de outubro.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
EAPN Galicia
A Rede Galega contra a Pobreza é unha entidade non lucrativa e de acción social que agrupa a entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión a través da defensa dos dereitos dos colectivos en risco e da súa participación comunitaria plena.
EAPN-Galicia forma parte tamén da European Anti Poverty Network, rede no nivel europeo que leva traballando de modo independente dende 1990, e está integrada en EAPN España.
Rexístrate como: