A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN) celebran o 1 de outubro a sexta xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que organizan conxuntamente. O Centro Demostrador TIC acollerá o seminario “OpenStreetMap: o uso da xeolocalización nas accións humanitarias e de emerxencias” (https://cdtic.xunta.es/openstreetmap) que se desenvolverá en horario de 17.00 a 20.30 horas. Este ciclo formativo enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Amtega.
A xornada deste xoves céntrase na ferramenta OpenStreetMap, coñecida popularmente como “a Wikipedia dos mapas”, un proxecto colaborativo que ten por obxectivo a creación dunha base de datos xeográfica a nivel mundial, dispoñible baixo unha licenza libre, o que permite dispoñer dunha cartografía de todo o planeta que se actualiza constantemente. Esta característica fai desta ferramenta un valioso recurso en labores de acción social, en proxectos de cooperación ao desenvolvemento ou na xestión de crises humanitarias. No curso explicarase a filosofía da iniciativa, como colaborar e as potentes ferramentas que pon a disposición das organizacións do terceiro sector para facilitar o seu labor.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica. Impartirá o curso Rafael Ávila Coya, experto contribuidor de OpenStreetMap e membro do HOT (Equipo Humanitario de OpenStreetMap).
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.
Actividades para o terceiro sector
Coa xornada “OpenStreetMap: o uso da xeolocalización nas accións humanitarias e de emerxencias” continúa o ciclo de actividades formativas dirixidas ao terceiro sector e organizadas pola Amtega en colaboración con EAPN, Rede Galega contra a Pobreza. Trátase dun total de nove actividades especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro.
O ciclo iniciouse o pasado 10 de setembro co curso “Coñece que pode facer o software libre pola túa asociación”, ao que lle seguiron dous cursos de Drupal (un básico e un avanzado), un sobre WordPress e outro sobre Owncloud.
Para o vindeiro mes están programados xa os seguintes: “Colaboración e participación dixital para o terceiro sector con ferramentas libre” (8 de outubro) e “CiviCRM: captación de fondos e comunicación cos grupos de interese no terceiro sector” (15 de outubro).
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
EAPN Galicia
A Rede Galega contra a Pobreza é unha entidade non lucrativa e de acción social que agrupa a entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión a través da defensa dos dereitos dos colectivos en risco e da súa participación comunitaria plena.
EAPN-Galicia forma parte tamén da European Anti Poverty Network, rede no nivel europeo que leva traballando de modo independente dende 1990, e está integrada en EAPN España.
Rexístrate como: