Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Rapaciños

O CPEIG e a Amtega poñen en marcha as xornadas tecnolóxicas Rapaciñ@s o vindeiro 3 de outubro na Cidade da Cultura

  • Enrique Dans e Rocío Ramos-Paul ofrecerán a pais e nais orientación sobre os riscos e vantaxes das redes a través de sendas conferencias
  • Nenos e nenas de entre 8 e 14 anos poderán participar en diferentes obradoiros a prol dun uso seguro da Internet
  • Non é necesaria inscrición as prazas para as conferencias e obradoiros cubriranse por orde de chegada
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 28/09/15 (07:46)

O vindeiro día 3 de outubro o Auditorio da Cidade da Cultura de Galicia e os espazos lindeiros servirán de escenario ao arrinque das xornadas Rapaciñ@s “As tecnoloxías ben seguras”, impulsadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Rapaciñ@s consta dunha serie de charlas informativas que percorrerá Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e que dará comezo con esta xornada programada na Cidade da Cultura. Familias e docentes atoparán información e recursos de interese, namentres as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Conferencias de Enrique Dans e Rocío Ramos-Paul
Na xornada do día 3 de outubro, que comezará ás 17.00 horas, o profesor de Sistemas de Información en IE Business School, Enrique Dans, abordará os riscos na rede coa charla "Nenos, Rede e futuro: o perigo está en non estar". A continuación, a psicóloga Rocío Ramos-Paul, autora do “Manual de Supernanny”, exporá as cuestións relativas á “Educar na era Dixital”.

En paralelo celebraranse obradoiros para nenos de entre 8 e 14 anos sobre navegación segura, realidade aumentada, protección de datos... Estas actividades combinarán aspectos lúdicos e didácticos. Para algunhas delas os rapaces poden precisar un smartphone ou tablet. Non é necesaria a inscrición as prazas cubriranse por orde de chegada.

Esta xornada de arranque será inaugurada pola directora da Amtega, Mar Pereira e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. 

Límites e oportunidades
A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultarán destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións nace a iniciativa Rapaciñ@s, que arrinca o vindeiro sábado.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal