Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da xornada

A Amtega achega aos profesionais TIC e do terceiro sector formación práctica sobre o xestor de contidos Drupal

  • O CDTIC acollerá o 15 e o 22 de setembro dous seminarios de nivel básico e avanzado sobre desenvolvemento de portais web con Drupal
  • A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 11/09/15 (09:21)

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle os días 15 e 22 de setembro dúas sesión formativas que levan por título “Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel básico” (https://cdtic.xunta.es/webs-drupal-basico) e “Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel avanzado” (https://cdtic.xunta.es/webs-drupal-avanzado), respectivamente, que se desenvolverán en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 18.30.

Na primeira das sesións, de nivel básico, as persoas asistentes coñecerán os fundamentos de Drupal e aprenderán a crear e a xestionar unha páxina web utilizando este sistema de xestión de contidos. Na segunda das sesións, de nivel avanzado, afondarán na utilización e configuración de Drupal con características avanzadas do sistema, prestando especial atención á seguridade, rendemento e escalabilidade de portais web.

Os principais destinatarios desta actividade son os profesionais TIC e os responsables de xestionar as webs de entidades do terceiro sector ou empresas que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións. Alberto Permuy, arquitecto especialista de Drupal, será o encargado de impartir os seminarios.

Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

 

Actividades para o terceiro sector
Ambos seminarios forman parte dun ciclo formativo de solucións libres para o terceiro sector organizadas pola Amtega en colaboración con EAPN Galicia (Rede Galega contra a Pobreza), que comezou o pasado día 10. Trátase dun total de nove actividades que se impartirán nos vindeiros meses e que están especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro.

Ao longo do mes de setembro están xa programadas as seguintes xornadas: “Monta a web da túa asociación con WordPress” (17 de setembro) e “Owncloud: comparte os arquivos da túa nube de forma autónoma” (24 de setembro).

 

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal