Tras o descanso estival, os Centros de Maiores da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) abriron de novo as súas portas o 1 de setembro. O curso comeza coa posta en marcha do novo proxecto de envellecemento activo deseñado pola entidade que ten como obxectivo pór en valor a experiencia dos maiores en beneficio da comunidade a través de programas interxeneracionais ou do voluntariado social e profesional. Así, as actividades que se desenvolverán nos centros da entidade estarán centradas, ademais do fomento da aprendizaxe ao longo da vida, do benestar físico e do desenvolvemento persoal, na participación activa na sociedade das persoas maiores.
Afundación dispón dunha rede propia de 11 centros, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro). Os centros, que contan na actualidade con máis de 10.000 socios, foron concibidos como espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de crecer persoalmente, de seguir formándonos, estando conectados cos temas emerxentes e achegando activamente á sociedade, á vez que gozamos de boa saúde. Para iso proponse unha oferta cun amplo abanico de actuacións destinadas á promoción de hábitos saudables, o goce da cultura e a expresión artística, a formación e o coñecemento e o lecer activo e relacional.
O curso 2015-2016 estreará o programa «O valor da experiencia», que comezará o próximo mes de outubro, e que ten como obxectivo pór en valor o legado que as xeracións de maiores poden transmitir aos máis novos, favorecendo o entendemento entre ambos os grupos. Trátase dun proxecto piloto adaptado ás diferentes etapas da educación que se desenvolverá en todas as localidades onde Afundación ten un centro de maiores, en coordinación cos centros escolares.
O fomento das relacións interxeneracionais é unha das prioridades para Afundación no período 2015-2019 no marco das súas tres liñas estratéxicas. «Como resultado dos cambios demográficos relacionados co aumento da esperanza de vida e a diminución da natalidade, seremos un dos países máis envellecidos en 2050. Esta realidade, ademais de supor desafíos económicos, sociais e culturais, supón un logro que tamén abre numerosas oportunidades que temos a responsabilidade de aproveitar para construír unha sociedade para todas as idades, na que non exista discriminación por razón de idade e onde cada persoa reciba segundo as súas necesidades e achegue segundo as súas capacidades. Desde Afundación estamos a traballar para tentar contribuír coas nosas accións a cambiar esa tendencia», sinala Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación.
Rexístrate como: