A empresa estati.co, mecenas dixital do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, impulsado pola Amtega e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, está a colaborar co Concello de Xermade no desenvolvemento dun espazo web para a difusión do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Galicia que terá lugar o vindeiro mes de setembro.
Este encontro é unha iniciativa única na península que se celebra no Concello de Xermade dende hai 15 anos para divulgar un oficio tradicional en toda Galicia, documentar técnicas e coñecementos e trasladar a sociedade as súas orixes e o potencial artístico e creativo que ofrece.
Ao longo de catro días Xermade reúne a profesionais recoñecidos internacionalmente procedentes non só de Galicia, senón tamén de Francia e Nova Zelandia que comparten a súa sabedoría e experiencia con actividades formativas, exposicións e demostracións, ao tempo que achegan ao público en xeral o mundo da tornearía.
Mecenazgo Dixital no marco da RSE
estati.co é unha axencia web especializada en ofrecer servizos de formación, consultoría e desenvolvemento web así como na súa optimización en canto a posicionamento e márketing de contidos.
Dende a súa inscrición como mecenas dixital en febreiro deste ano está a colaborar activamente co programa de Voluntariado Dixital ofrecendo o seu apoio e a súa experiencia para o desenvolvemento de actividades en ámbitos como o márketing online ou a importancia do perfil dixital na busca de emprego.
Programa de Voluntariado Dixital
Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas. Neste momento 20 empresas do sector TIC colaboran co Programa de Voluntariado Dixital como Mecenas Dixitais a través de distintas liñas de actuación como Voluntariado Corporativo, formación de consumidores/usuarios, doazón de bens capitais, cesión de uso de espazos TIC ou apoio á comunicación, entre outras
Rexístrate como: