Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoas maiores usando as novas tecnoloxías

Benestar diagnostica as necesidades en materia de novas tecnoloxías nos centros de maiores e de discapacidade

  • A conselleira de Traballo e Benestar vén de realizar un estudo no que participaron os 23 centros propios prestadores de de servizos para persoas maiores e persoas con discapacidade.
  • As conclusións puxeron de manifesto que os tres aspectos fundamentais teñen que ver coa seguridade dos usuarios, o desenvolvemento de actividades e o confort.
  • O estudo analiza posibles solucións para dar resposta a cada unha das inquedanzas detectadas, tales como o uso de tecnoloxías non intrusivas de detección de proximidade, ou o seguimento e localización para o control da circulación de usuarios en tempo real, entre outras.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/08/15 (12:15)

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Social, vén de realizar un estudo por medio do cal se diagnosticaron as necesidades en materia de novas tecnoloxías nos centros de titularidade e xestión propia da Xunta de Galicia que prestan servizos destinados, tanto a persoas maiores, como a persoas con discapacidade.

Trátase dun estudo que se levou a cabo a través do Instituto Tecnolóxico de Galicia e no que se contou coa participación de todos e cada un dos centros prestadores de servizos para persoas maiores e persoas con discapacidade que xestiona directamente o departamento autonómico, un total de 23.

O diagnóstico tivo por finalidade a análise das necesidades existentes na prestación do servizo, que sexan susceptibles dunha solución ou mellora a través das novas tecnoloxías, incidindo en aspectos relacionados coa vixilancia dos usuarios, control de errantes, accesibilidade, mellora na resposta e na atención directa.

As conclusións do estudo, que tiveron en conta a opinión e perspectiva de cada centro, puxeron de manifesto que os tres aspectos fundamentais teñen que ver coa seguridade dos usuarios en cuestións como a localización de errantes, control de visitas externas, control de habitacións e control nocturno; o desenvolvemento de actividades como a lavandería, dispensación de medicacións ou o control de constantes vitais; e o confort, tanto en zonas comúns como en zonas privadas.

O estudo analiza posibles solucións para dar resposta a cada unha das inquedanzas detectadas, tales como o uso de tecnoloxías non intrusivas de detección de proximidade, seguimento e localización para o control da circulación de usuarios en tempo real, sistemas sensoriais para a detección de condicións anómalas de temperatura ou de ruídos, tecnoloxías de comunicación entre traballadores, ou sistemas de recoñecemento de imaxe e control de constantes para o desenvolvemento dun programa personalizado, entre outras.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal