Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazos da app Wizard

Wizard, un innovador xogo para os esquizofrénicos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 05/08/15 (08:25)

Un equipo de investigadores da Universidade de Cambridge desenvolveu un xogo de adestramento cerebral chamado Wizard que poderá mellorar a calidade de vida daqueles que padecen esquizofrenia, segundo un estudo elaborado por científicos da Universidade de Cambridge.

Os pacientes que participaron na investigación xogaron a "Wizard" durante un total de oito horas ao longo de catro semanas mentres tomaban a súa medicación habitual. Despois dese tempo os investigadores mediron a memoria episódica dos afectados, e os resultados foron sorprendentes e positivos.

Este estudo, divulgado na publicación especializada Philosophical Transactions of the Royal Society B, achou que 22 pacientes que participaron no xogo de memoria cometeron menos erros e necesitaron menos intentos para lembrar a localización de probas específicas de patróns diferentes. Tamén melloraron a súa puntuación nunha escala que os médicos usan para medir o funcionamento social, ocupacional e psicolóxico dos adultos.

Este xogo está deseñado para axudar a mellorar a chamada memoria episódica, que é o tipo de memoria necesaria para lembrar feitos ocorridos poucas horas despois, como onde deixaches as chaves ou onde aparcaches o automóbil.

Wizard, que se deseñou con axuda de pacientes e deseñadores de videoxogos, convida o xogador a entrar en distintas habitacións, atopar obxectos en caixas e logo lembrar onde estaban eses obxectos. O xogo é bastante primitivo no que respecta a deseño, pero aqueles que xogaron durante algunhas semanas lograron mellores resultados nas probas que miden o funcionamento do cerebro e a memoria, en comparación con aqueles que non o fixeron.

A esquizofrenia é unha enfermidade mental de longo prazo que causa unha serie de síntomas psicolóxicos, desde cambios no comportamento até alucinacións e delirios. Aínda que algúns síntomas poden ser tratados con medicación, os pacientes con frecuencia sofren problemas de memoria e na función cognitiva.

Os pacientes gozaron do xogo e estiveron motivados durante as oito horas de capacitación cognitiva. Segundo os investigadores este é un aspecto importante, pois a falta de motivación é unha característica común da esquizofrenia.

A partir dos resultados, o equipo cre que os pacientes que participaron arranxaranse mellor para traballar de forma independente na vida real, e sen sufrir os efectos secundarios da medicación tradicional. O descubrimento de tratamentos alternativos para a esquizofrenia é especialmente importante, xa que o desenvolvemento de novos medicamentos para tratar os síntomas cognitivos que carrexa esta enfermidade foi bastante lento.

"Necesitamos unha maneira de tratar os síntomas cognitivos da esquizofrenia, como os problemas coa memoria episódica, pero logrouse un progreso lento no desenvolvemento dun tratamento con medicamentos", afirma unha das psiquiatras da Universidade de Cambridge, Barbara Sahakian, para engadir que este estudo "demostra que o xogo da memoria pode axudar onde os medicamentos fallaron até agora".

Quen queira coñecer o xogo Wizard, primeiro ten que descargarse Peak da App Store, e a continuación o proxecto do equipo como módulo dentro do xogo.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal