Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Xuventude Galicia Net 2015

A nova edición de XGN xa comeza a facer ruído nas redes

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/08/15 (08:11)

A nova edición do encontro galego para a mocidade seareira das novas tecnoloxías, Xuventude Galicia Net, desenvolverase no mes de setembro, entre os días 18 e 20, no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. Segundo fai saber a entidade financeira, o obxectivo é “converter a xuntanza na meirande party informática” da nosa terra. Como era de agardar, pois xa estamos en agosto, o encontro xa está a facerse notar na Rede. De feito, veñen de activarse as súas contas en Facebook e Twitter, e a vindeira semana farao a web oficial, xuventudegalicia.net.

O evento, que como lembraremos vai pola súa 15 edición, artéllase unha vez máis en dúas contornas-escenarios: a intranet e a extranet. A primeira delas disporá de 1.200 prazas para computadores con dereito a acampada no interior do pavillón. Estará reservada aos inscritos, os cales poderán participar en exclusivos torneos con reparto de premios.

A outra das zonas, a extranet, acollerá “un completo programa con múltiples actividades”, sinalan os organizadores. A ela, engaden, “poderán acceder tanto os inscritos coma os visitantes que acudan ao recinto”. Contará con zona de videoxogos con consolas de última xeración, competicións, obradoiros, xogos de mesa e área de karting.

Na edición de 2015 esta LAN party contará tamén cun pequeno espazo expositivo complementario con presenza de empresas e entidades do sector da informática e o lecer electrónico, no mesmo pavillón.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal