Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación dos datos sobre vocacións TIC

Un estudo da Xunta sobre as vocacións TIC sinala que só o 18% dos alumnos da ESO e de bacharelato optarían por estudos científico tecnolóxicos

  • A vocación, segundo o 92% dos alumnos, é o principal motivo para a elección do itinerario formativo, seguido da utilidade (78%) e a facilidade (45%)
  • Persiste a fenda de xénero: tan só o 6% das alumnas que cursan un Bacharelato Científico- Tecnolóxico elixirían o finalizalo as carreiras de Informática ou Telecomunicacións, fronte ao 34% dos alumnos
  • No estudo participaron 5.120 alumnos de 3º e 4º de ESO e de Bacharelato de 40 centros educativos das catro provincias galegas
  • Ao inicio do próximo curso escolar presentarase un informe completo do estudo que recollerá recomendacións de expertos de todos os ámbitos profesionais para incrementar o atractivo das carreiras científico- tecnolóxicas
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 27/07/15 (08:10)

Só o 8,5% dos futuros universitarios apostan por encamiñar o seu futuro laboral no ámbito tecnolóxico, a pesar de que o sector TIC Galego dá emprego a 15.312 traballadores e mantense por enriba dos 15.000 profesionais desde o ano 2010. En 2015, as empresas TIC galegas prevén incrementar o seu número de empregados nun 30%.

O dato forma parte das principais conclusións dun estudo que foi presentado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez e a directora da Amtega, Mar Pereira, nun acto no que tamén interviñeron presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática, Fernando Suárez; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática, Marcos Mata; e o secretario Xeral del Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Mª Lois.

Un dos desafíos da Axenda Dixital de Galicia ADG2020 é o impulso das vocacións tecnolóxicas e dos novos perfís dixitais para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a medio e longo prazo. Para coñecer as causas da baixo porcentaxe de matriculados en estudos tecnolóxicos na Comunidade xorde a elaboración do “Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos e Matemáticos en Galicia” impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a consultora everis, unha das empresas asinantes do Pacto Tecnolóxico de Galicia.

Na realización deste estudo participaron 5.120 estudantes de 3º e 4º da ESO, e de Bacharelato de 40 centros educativos de Galicia pertencentes ás catro provincias, a través da contestación a un formulario deseñado co obxectivo de avanzar na compresión do proceso de decisión destes na elección de estudos, ao finalizar a ESO e Bacharelato.

 

Os factores de impacto na elección vocacional

Dos resultados da enquisa despréndese que o 18% de alumnado optaría por estudoscientíficos tecnolóxicos. Desta porcentaxe, un 4,4% decántase por estudos de ciclos formativos da familia de Informática e Comunicación, e un 41,3% por estudos do Bacharelato Científico Tecnolóxico. Dos que optan por un Bacharelato Científico Tecnolóxico, un terzo optaría por unha das seguintes carreiras: Informática, Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou Química (este terzo supón un 13,6% do alumnado de 3º e 4º da ESO).

Por outro lado, preto do 40% dos estudantes enquisados non se senten capacitados para afrontar estudos de carácter científico-tecnolóxicos, sendo polo tanto, a denominada autoeficacia ou a percepción que teñen os alumnos das súas propias capacidades e a percepción destes estudos, os elementos clave para futuras actuacións.

O estudo sinala que ante o proceso de elección dos estudios, a vocación é o principal motivo (92%) que determina o itinerario formativo dos alumnos, seguida da utilidade dos estudios para o seu futuro (78%) e a facilidade (45%). Neste sentido, a imaxe dos alumnos sobre as carreiras científico-tecnolóxicas é positiva, sendo consideradas como carreiras con moitas saídas profesionais, asociadas a traballos ben remunerados e cun alto impacto na sociedade.

Os pais e nais son as persoas que máis inflúen na elección das carreiras para o 79% dos enquisados, seguidos de internet (66%), os amigos e irmáns (45% e 44%), a televisión (41%), os titores (39%) e as visitas a empresas (19%).

Só o 26,8% de mulleres que traballan no sector TIC desempeñan funcións tecnolóxicas, fronte ao 64,3% de homes. A análise realizada puxo de manifesto que esta fenda de xénero mantense entre a poboación máis nova, posto que só o 6% das alumnas do Bacharelato Científico-Tecnolóxico elixirán as carreiras de Informática ou Telecomunicacións, fronte ao 34% dos mozos, situación na que os expertos coinciden que hai que seguir incidindo.

 

Avance das recomendacións para incrementar as vocacións TIC

En base a estes resultados, un grupo de expertos formado por profesionais TIC de diferentes sectores produtivos, docentes, directores de centros, reitores, representantes de colexios profesionais, elaborará unha serie de recomendacións en torno a tres eixos: a posta en valor das oportunidades de emprego no sector, o reforzo da autopercepción das capacidades dos alumnos e a realización de accións que dean a coñecer a experiencia persoal de mulleres profesionais do sector TIC.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal