Operación Mosquito Púrpura é o nome dunha campaña que fixo posible analizar imaxes médicas a distancia de forma colectiva por persoas non expertas. Esta proba, que foi realizada grazas ao proxecto MalariaSpot da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e a fundación Ashoka, foi un éxito. En menos de 15 minutos, unha clínica de Mozambique recibiu os resultados da análise de imaxes de mostras de malaria realizado por persoas xogando coa aplicación móbil de MalariaSpot.
Desde Mozambique
A proba realizouse desde o Centro de Investigación de Saúde en Manhiça (Mozambique), institución que colabora estreitamente co Instituto de Saúde Global de Barcelona. Desde alí, e utilizando un teléfono móbil axustado a un microscopio, investigadores fotografaron mostras de pacientes con síntomas de malaria.
As imaxes sóbense ao videoxogo en internet para que persoas desde calquera recuncho do mundo poidan xogar con elas. Case ao momento, decenas de xogadores convocados a través das redes sociais analizan as imaxes, permitindo ter os resultados de volta en Mozambique en minutos. A plataforma online está albergada na infraestrutura cloud de Amazon Web Services.
Este proxecto piloto é a culminación de tres anos de traballo desenvolvendo unha idea pioneira que mobilizou a máis de 30.000 xogadores nun centenar de países e atraeu o recoñecemento de entidades como o MIT, a Cidade das Ideas en México, a Singularity University na NASA ou a Oficina de Ciencia e Tecnoloxía da Casa Branca.
'Implementamos un prototipo dunha idea e unha tecnoloxía con potencial para democratizar o acceso ao diagnóstico de imaxes médicas. Pero estamos nun momento crítico e necesitamos patrocinadores e investidores para que este proxecto poida seguir adiante en España,' explica Miguel Luengo Oroz, investigador responsable de MalariaSpot.
Tamén con outras enfermidades
O proxecto está a expandir a idea a outras enfermidades como a tuberculose e deseñando microscopios de baixo custo a partir de teléfonos móbiles para poder validar clinicamente esta proba piloto.
A aplicación MalariaSpot pódese descargar desde o móbil. Trátase dun sinxelo xogo cuxo obxectivo é atopar nas imaxes aos parásitos que causan a malaria. Como axudan os xogadores ao diagnóstico? A clave é a intelixencia colectiva: como unha persoa pode equivocarse, a aplicación combina as opinións de varios xogadores para obter un resultado tan fiable como o dun especialista.
Rexístrate como: