Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Impresora 3D

Impresoras 3D para imprimir os medicamentos á carta

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 23/07/15 (08:42)

O uso das impresoras 3D no ámbito médico asóciase habitualmente a próteses e mesmo órganos destinados a probas ou simulacións de operacións. Pero desde a Escola de Farmacia da University College de Londres propoñen un uso directo máis sinxelo e práctico: imprimir os medicamentos á carta.

Como contan os investigadores deste centro en The Pharmaceutical Journal, a impresión 3D ten un potencial importante para virar a industria dos fármacos a un modelo menos global e máis individualizado: un paciente chega á farmacia e alí imprímenselle os medicamentos prescritos segundo as súas necesidades.

 

Bastante potencial para os máis pequenos

Dentro das posibilidades que nos debuxan os investigadores da University College de Londres está a de personalizar a aparencia das pastillas para que a toma de medicamento por parte dos máis pequenos tente ser menos problemática. A impresión 3D permitiría deseñar e obter pastillas con formas variadas sen que o custo dese medicamento sexa maior nin que haxa que realizar cambios bruscos na cadea de produción das farmacéuticas.

Esa personalización da medicación en nenos non ten só no deseño unha gran vantaxe. Tamén en poder axustar as doses exactamente ao peso do paciente, co que a mesma xa non sería "aproximada" ou dentro dunhas marxes como até agora.

 

Traballando na técnica adecuada para imprimir medicamentos de forma segura

Aínda que dar forma ás pastillas é unha aplicación directa e sinxela, hai outras moitas máis posibilidades que a impresión 3D pode proporcionar á industria farmacéutica, aínda que hai unha importante barreira de entrada tanto por parte da propia industria como das autoridades.

Algúns dos desenvolvementos ao redor da impresión de medicamentos están a atoparse con trabas e longos procesos na liña de corte das administracións. Ricky Wildman, da Universidade de Nottingham, leva anos desenvolvendo unha técnica para levar ao mercado a impresión de medicamentos mediante a tecnoloxía das impresoras actuais de "chorros de tinta". O seu proxecto baséase en crear medicamentos líquidos que posteriormente poden converterse en sólidos tras a impresión. A tecnoloxía asociada tardaría aínda segundo el uns 10 ou 15 anos en estar dispoñible.

Máis próximas parecen outras técnicas que traballan con polímeros, como na impresión 3D tradicional, aínda que aquí o principal obstáculo é o traballo á temperatura adecuada. Crear pastillas que se disolvan ao instante é outra das ramas de traballo neste campo da impresión 3D de medicamentos.

 

Múltiples posibilidades para personalizar os tratamentos

En todos os casos anteriores o obxectivo final da impresión 3D é poder crear pastillas e comprimidos adecuados e completamente personalizados. En determinados tratamentos é algo imprescindible e que en moitos casos só pode realizarse agora mesmo mediante ingreso hospitalario.

Tamén determinar a maneira en que actúa e onde o fai cada medicamento está en mans da impresión 3D. Coa técnica e materiais adecuados poderían crearse pastillas que liberasen o seu principio activo nun determinado momento ou zona concreta do noso organismo.

Outras posibilidades céntranse na comodidade do paciente, que permitiría por exemplo poder ter nun só comprimido a dose exacta de varios medicamentos.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal