A Comisión Europea decidiu subvencionar á empresa valenciana eKuore, a través do Programa Horizonte 2020, para que leve a cabo o lanzamento do seu fonendoscopio de uso médico, previsto para o último trimestre de 2015. O proxecto será presentado en MEDICA, a principal feira europea de saúde, en Düsseldorf.
A compañía eKuore quere 'revolucionar o campo da teleasistencia (mHealth), a través desta innovadora ferramenta TIC'. Esa ferramenta chamarase eKuore Pro, e será o primeiro fonendoscopio electrónico inalámbrico de uso médico operable capaz de transmitir a auscultación a smartphones, tablets e equipos de audio. Tamén medirá as pulsacións por minuto, gravará a auscultación e filtrará o son do corazón ou os pulmóns 'cunha tecnoloxía integramente española'. Para iso, xa están a buscar socios estratéxicos para poder medrar no sector sanitario.
A axuda será de 50.000 euros, a través do Instrumento Peme, e está enfocada para realizar: estudos de viabilidade, competidores, novos modelos de negocio, mercadotecnia, análise de risco e estudo da propiedade intelectual. Nunha primeira fase, ese diñeiro outorgarase como subvención a fondo perdido, cunha oportunidade de acceder a unha segunda fase na que se poderá recibir unha axuda de entre 500.000 e 2.500.000 euros, para que a expansión sexa internacional.
eKuore foi recentemente galardoada co recoñecemento da Comisión Europea na temática Investigación clínica para a validación de biomarcadores e dispositivos médicos de diagnóstico, do Programa Marco para a Investigación e a Innovación da UE, o chamado Horizonte 2020. Sen dúbida, este recoñecemento, xunto co do primeiro premio Lanzadeira, fixeron que a empresa valenciana sexa unha das compañías españolas máis innovadoras do panorama internacional.
'É un bo exemplo do que as empresas españolas poden facer coa axuda de aceleradoras como a de Finnova, que lles abren as portas en Europa a investidores e financiamento para os seus proxectos', afirmou Juan Manuel Revolta, director xeral de Finnova, que impulsou o proxecto que agora ten o respaldo da Comisión Europea a través do programa BizSpark de Microsoft España.
Doutra banda, Rubén López, CEO de eKuore, asegurou que a subvención 'é un respaldo importante, máis aló do económico, á innovación e a aposta tecnolóxica que supón eKuore Pro e o que achega á saúde no campo médico'.
Rexístrate como: