Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoa con discapacidade ante un portátil

CENTAC: Congreso Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 22/07/15 (09:27)

Actualmente hai máis de 3 millóns e medio de persoas con algún tipo de discapacidade a nivel estatal, unha cifra que, segundo a ONU, elevarase até os 16 millóns en 2050, debido sobre todo ao envellecemento da poboación. Fronte a estas cifras, as TIC poden ser unha ferramenta esencial para mellorar a vida das persoas con discapacidade e facilitar a súa participación plena na sociedade. Esa é o labor do CENTAC, o Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade, unha organización público-privada que está dirixida a promover o 'deseño para todos', un enfoque centrado en crear tecnoloxías accesibles para todas as persoas independentemente das súas capacidades.

CENTAC organizará o seu próximo Congreso Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade no Palacio Euskalduna de Bilbao, os días 5 e 6 de novembro. Este encontro ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas no deseño para todas as persoas, fomentando o uso das TIC para eliminar as barreiras de accesibilidade.

A edición 2015 do Congreso CENTAC estará centrada nos ámbitos de saúde, transporte, turismo, administracións e servizos públicos, emprego dixital, comercio e banca. En todos estes ámbitos, presentaranse proxectos innovadores e estratexias de I+D+i postas en marcha por empresas e entidades públicas para avanzar na accesibilidade a través das tecnoloxías. Ademais, o encontro deste ano centrarase nas tendencias tecnolóxicas con máis proxección de futuro, como son a Internet das cousas, o Big Data, a robótica no sector industrial e doméstico, a impresión 3D no ámbito social e as contornas interactivas para a formación, a saúde e o tratamento de patoloxías.

O encontro é gratuíto e está dirixido tanto a empresas TIC e profesionais ligados ás novas tecnoloxías, axentes sociais e representantes da administración pública como a calquera persoa interesada en coñecer as innovacións tecnolóxicas ligadas á accesibilidade. O congreso conta co apoio do Goberno Vasco a través de Spri, o Concello de Bilbao e a Deputación Foral de Biscaia.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal