Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazos da app Barcelona Òpera Accés

Vodafone e o Gran Teatre do Liceu achegan audiodescrición vía móbil nos espectáculos de ópera

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/07/15 (10:20)

A Fundación Vodafone está a colaborar co Gran Teatre do Liceu para achegar os espectáculos de ópera ás persoas con discapacidades visuais. Froito desta alianza e coincidindo coa iniciativa Liceu á Fresca, ambas entidades presentan Barcelona Òpera Accés, nas súas palabras “unha innovadora aplicación de audiodescrición” destinada a colectivos coas devanditas características de visión. Entre outras cousas, permite descargar a descrición sonora da ópera que se está a representar para poder seguila de xeito sincronizado e en directo.

A descarga e o uso son totalmente de balde. Está dispoñible “para todos os públicos e seareiros” en Google Play e proximamente en Apple Store.

A iniciativa inclúese dentro do proxecto social e de integración do Gran Teatre do Liceu e conta co apoio da ONCE e da Fundación Barcelona Mobile World Capital. Ademais do devandito, fornece subtitulado das pezas escenificadas en castelán e catalán. “O usuario”, informa a operadora, “tan só ten que descargarse a aplicación no seu móbil e seleccionar a peza, deste xeito accederá aos contidos de audiodescrición e subtitulado, así como ao programa de man en formato dixital accesible da obra representada”.

Por certo que a opción de títulos no móbil, explícase, pode axudar igualmente a persoas con outras diversidades funcionais (auditivas por exemplo) ou naquelas situacións nas que a lectura da proxección dos mesmos poida presentar dificultades ao público.

Trátase dunha aplicación ubicua, ou sexa que pode ser usada en diferentes situacións e lugares. O público do Liceu poderá facer uso dela na sesión da Traviata das 20:00h do 18 de xullo. Igualmente, tamén estará pronta para a emisión das 22:00h que terá lugar na Praia de San Sebastián, no Palau Robert, en calquera dos emprazamentos públicos dos 12 concellos participantes ou a través da emisión de TV3 para todos os fogares de Cataluña.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal