A organización do Festival Sinsal, prestixioso e referencial certame de música independente, e a Universidade de Vigo, xuntan forzas este verán para dar forma a Exploradores.15, un proxecto de educación tecnolóxica impulsado polo Festival Sinsal Son Estrella Galicia coa colaboración, entre outras entidades, do Campus Crea (Campus de Pontevedra). A cita será a antesala e o complemento congresual do festival e celebrarase do 17 ao 22 de xullo na Illa de San Simón. Será, en palabras da UVigo, “unha semana de experimentación e aprendizaxe con expertos internacionais nas últimas tecnoloxías”. De feito, as TIC tocarán en maior ou menor medida todas as súas seccións.
Segundo lembra a institución viguesa, este martes debulláronse todos os detalles do encontro na presentación da nova edición do festival independente, no Museo Meirande de Redondela e coa presenza dos organizadores e os patrocinadores públicos e privados do festival, entre eles o vicerreitor de Extensión Universitaria, Manuel Fernández Iglesias, e Ignacio Barcia, responsable de Cultura de Campus Crea. Segundo fixeron saber, “Exploradores.15 é un bo xeito de potenciar todo o traballo relacionado co mundo da creación, a nosa razón de ser, e tamén un excelente xeito de conectar coa contorna”. Tamén salientaron a asistencia ao evento de 17 alumnos e alumnas do Campus de Pontevedra que levan colaborando varios meses na organización da cita.
Os asistentes á xuntanza, organizada en torno a catro obradoiros de doce horas de duración que se impartirán de forma simultánea na illa, van traballar en “catro tecnoloxías que sabemos que van cambiar a industria e a forma de facer as cousas”, subliñou na presentación Javier Noguerol, codirector do evento, que explicou que estas catro vertentes son: arte, deseño, interacción, música e novas tecnoloxías.
Exploradores.15 traerá, de feito, medio centenar de especialistas en tecnoloxías de todo o mundo (con estadía na propia illa), abranguendo a celebración dunha ampla e variada serie de obradoiros sobre “ferramentas e materiais de traballo únicos”.
Entre outros representantes da investigación nos devanditos ámbitos, a iniciativa contará coa presenza da investigadora hacker grega Afroditi Psarra ou o fundador de CartoDB Sergio Álvarez.
En palabras dos organizadores, Exploradores.15 é ante todo “unha semana estival de intercambio e formación dirixida a persoas creativas interesadas na música, na arte e na interacción con ganas de aprender últimas tecnoloxías nunha contorna espectacular: non hai nada semellante en España nin no mundo”.
En definitiva, estamos ante un evento que “busca pór en contacto a artistas de diferentes países e relacionar arte con ciencia e tecnoloxía; promover sinerxias entre profesionais de distintos ámbitos e desenvolver ideas ou proxectos que promocionen o patrimonio material e inmaterial do lugar”.
Amais de Afroditi Psarra (hacker grega que afonda no seu traballo na relación entre cultura pop, vestido, electrónica e a filosofía de faino ti mesmo) e Sergio Álvarez (fundador de CartoDB, unha existosa startup tecnolóxicas española centrada en tirar proveito das potencialidades da información masiva e os mapas interactivos), a actividade contará tamén coa participación de Antonio V. García-Serrano, fundador de Zakato e investigador en imaxe 360º e tecnoloxías de inmersión.
A escola, pensada para un alumnado de 30 a 50 persoas, estará organizada en catro obradoiros de 12 horas de duración que se impartirán de forma paralela nas instalacións da illa. Falamos destas catro áreas de actuación: Inmersive 360º, Audio Interaction, Carto Development e Tecnoloxía wearable.
Rexístrate como: