Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Médico ensinando a unha muller.

Unha plataforma online para dar voz aos pacientes

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 07/07/15 (10:44)

A tecnoloxía, en todas as súas facetas, está a avanzar a pasos axigantados e cada vez está máis presente en todas as materias. En concreto, a aplicada a Internet está a ter bos resultados na área da saúde, onde se coa para aumentar a calidade de vida dos pacientes e contribuír a que a sociedade conviva un pouco mellor coas enfermidades.

Grazas á inmersión das TIC (tecnoloxías da información e a comunicación) na saúde, poder compartir vivencias con persoas que tamén sofren a mesma enfermidade é xa unha realidade. É o caso de personasque.es, unha plataforma dixital gratuíta que ofrece esta posibilidade, creando unha especie de comunidade de pacientes. Está integrada por asociacións, sociedades médicas e de enfermaría, empresas e organizacións, que establecen unha canle fiable de comunicación entre o sector e o paciente.

De momento, son once as enfermidades que poden consultarse: alzhéimer, artrite, cancro de pel, diabetes, epilepsia, esquizofrenia, fribrilación auricular, leucemia mieloide crónica, psoriasis, transplantes e trastorno bipolar. Desde a plataforma aseguran que se pode levar o control da enfermidade e manterse informado constantemente en calquera momento a través de dispositivos móbiles. Ademais, para eles a privacidade é esencial, polo que nunca se publican fotos nin datos persoais dos usuarios.

Por último, e non menos importante, esta iniciativa pretende evitar calquera marca de medicamentos ou farmacéuticas nas conversacións. Así, cada vez que alguén escriba un comentario, o sistema validarao automaticamente coa base de datos de medicamentos Vademécum. Se contén a marca dun medicamento, substituirase polo principio activo de forma automática; se leva o nome dun laboratorio, cambiarase por un asterisco.

Este é só un exemplo máis de como a tecnoloxía pode axudar aos pacientes, pero non o único. Por exemplo recentemente crearon un ollo biónico que conseguiu restaurar a vista a un invidente, un dispositivo que conseguía separar as células cancerosas das sas mediante ondas de son ou mesmo un bisturí que distinguía entre tecidos canceríxenos e sans. Seguro que no futuro a tecnoloxía dará moitos máis fantásticos aportes no ámbito médico.

Tema: Xeral
Fonte: Muy Interesante
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal