Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación de Tecnoverán nunha imaxe publicada por El Faro de Vigo

Vilagarcía presenta unha cita TIC para a mocidade de 16 a 35 anos: Tecnoverán

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 06/07/15 (12:06)

O Concello de Vilagarcía presentou a semana pasada unha actividade para mozas e mozos de entre 16 e 35 anos dirixida a ampliar os seus coñecementos tecnolóxico-dixitais ao tempo que intercambian información e comunicación con outras mozas e mozos nun ambiente de lecer propio destas datas. Trátase de Tecnoverán, unha quedada estival organizada polo Centro de Formación de Matosinhos (Vilagarcía) entre os días 13 e 17 de xullo. Na actividade darase acubillo a dúas ducias de rapaces. Segundo informa o Concello, os interesados poden aínda inscribirse a través da Concellería de Xuventude. A participación é de balde e o horario do curso, de 10 a 14 horas, do luns 13 ao venres 15.

A actividade foi presentada o pasado 3 de xullo por Sonia Outón, concelleira de Xuventude, que lembrou que Tecnoverán forma parte dun programa máis amplo, Emprende VGA, que se vén desenvolvendo entre maio e xuño, pero abrangue máis accións formativas e colaborativas. En palabras da responsable de Xuventude, estamos ante “unha oportunidade única para pasar uns días distintos neste inicio de verán”. Segundo fixo saber, os rapaces que participen terán a oportunidade de aprender cuestións básicas de deseño e desenvolvemento de aplicacións e mesmo de robótica e até poderán gozar dun concurso de deseño de empresas de base tecnolóxica.

Na presentación participaron tamén Yolanda Baños, socia do coworking DaqueQDalle, dende o que se puxo en marcha o proxecto Emprende VGA, e Diego Parajó, impulsor, xunto con Jorge Lafuente, do proxecto Anakin co que ambos pretenden levar adiante proxectos de innovación tecnolóxica na comarca. Sonia Outón rematou a súa intervención salientando a súa arela de continuar apostando pola formación e o fomento do espírito emprendedor, xa que, engadiu, “estamos convencidos de que fomentar o talento local é o mellor investimento que pode facer este e calquera outro goberno".

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal