Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel Premios Innovación en Telecomunicacións

Gañadores dos Premios Fundación Vodafone á Innovación en Telecomunicacións

  • As tres solucións gañadoras, que incorporan as novas tecnoloxías na acción social, recibirán un premio de 20.000 euros cada unha.
Versión para impresiónSend by email
23/06/15 (09:52)

O xurado da IX Edición dos Premios Vodafone á Innovación en Telecomunicacións outorgou este ano tres premios, dotados con 20.000 euros cada un, a tres proxectos que innovan no ámbito do TIC para a acción social. Á hora de emitir este veredicto, o xurado valorou o carácter innovador das solucións dentro da Sociedade da Información, o público obxectivo beneficiado pola solución, a súa viabilidade e a súa accesibilidade.

O proxecto asturiano 'Lazzus', presentado por NeoSenTec, resultou galardoado na categoría de 'Aplicación Mobile for Good', que premia a aplicación de smartphone que contribúa á mellora da calidade de vida, a autonomía persoal ou a promoción do envellecemento activo. 'Lazzus', dispoñible nunhas semanas para Android e iOS, é unha aplicación cuxa finalidade é axudar a persoas con discapacidade visual a descubrir o que se atopa ao seu redor, xerando un campo de visión artificial que transmite información sonora sobre a contorna do usuario e ofrece xeolocalización e procura de puntos de interese.

Na categoría 'M2M Mobile for Good', que valora as candidaturas que utilizan ou deseñan dispositivos conectados para mellorar a calidade de vida, accesibilidade e autonomía das persoas, premiouse o proxecto 'Visualfy', desenvolvido pola empresa valenciana Fusió d'Arts Technology. Esta solución recolle a información sonora da contorna e de dispositivos móbiles para adaptala con sinais visuais e sensoriais, incluíndo mensaxes de vídeo en lingua de signos para persoas con problemas de audición.

Por último, 'TeleIctus Móbil', presentado por Marc Ribó, neurólogo do Hospital Vall d'Hebrón de Barcelona, foi o vencedor na categoría de 'Solución TIC Mobile for Good' , que premia proxectos que terminaron a súa fase de definición e están listos para a súa fase de execución. 'TeleIctus Móbil' permite que un neurólogo especializado realice unha valoración inicial sobre o terreo dos pacientes con sospeita de ictus. O neurólogo de garda pode, grazas a esta ferramenta, realizar unha videoconferencia e ver sobre o mapa a localización exacta do paciente e os tempos estimados de chegada aos diferentes hospitais en función do nivel de asistencia e tratamentos que ofrece cada centro.

O xurado da IX Edición dos Premios estivo composto por Francisco Marín, Director Xeral do CDTI; Agustín Cordón, Vicepresidente da Fundación Barcelona Mobile World Capital; Ricardo Gabarró, Director de I+D+i do Grupo Eulen; Miguel Ángel Valero, Director Xeral de CEAPAT; Rodrigo Hilario, Director de Estratexia de RENFE; Blanca Echániz, Directora de Servizos de Particulares de Vodafone España; Enrique Martín, Director de Innovación de Vodafone España; Mª Satur Torre, Directora de Innovación da Fundación Vodafone España; e Mercedes Gómez, Responsable de Difusión e Relacións Institucionais da Fundación Vodafone España. 

Tema: Xeral
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal