Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Muller en cadeira de rodas usando un portátil.

Fundación ONCE reflexiona sobre a influencia das novas tecnoloxías na discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/06/15 (09:19)

Fundación ONCE debateu este martes sobre o papel que asumiron as novas tecnoloxías e a súa incidencia sobre a discapacidade durante a celebración das xornadas 'Sociedade, discapacidade e novas tecnoloxías: os retos da igualdade de oportunidades', que se celebran até hoxe mércores en Madrid, na sede do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).

Na inauguración do evento, organizado pola Asociación Pro-Discapacitados do Corpo Nacional de Policía (AMIFP) e cofinanciado por Fundación ONCE, estiveron presentes José Luís Martínez Donoso, director xeral de Fundación ONCE; Mercedes Jaraba, subdirectora xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e Pilar Pacheco, presidenta da AMIFP.

Martínez Donoso puxo de relevo a identificación de Fundación ONCE cos programas que se ofrecen durante estas xornadas, que 'mostran algunhas das liñas estratéxicas da entidade'. Así mesmo, mostrouse convencido de que se debe estar alerta ante os rápidos avances que se producen nas novas tecnoloxías, xa que estas 'poden ser moi excluíntes para a discapacidade'.

Ademais, o director xeral de Fundación ONCE sinalou, en relación ao turismo, tema que tamén se debaterá durante estas xornadas, que 'temos unha materia pendente coas barreiras das infraestruturas privadas, como hoteis, restaurantes, comercios en xeral e algunhas outras que deben eliminarse'. Neste sentido, afirmou que 'se somos capaces de avanzar nesta liña, conseguiremos que as persoas con discapacidade participen libremente do lecer, do tempo libre e do turismo e que, ademais, moitísimos estranxeiros veñan gozar de España e da climatoloxía que se lles ofrece'.

Jaraba, pola súa banda, incidiu en que 'colaborar con AMIFP é abrir unha porta máis ao vínculo que ten a sociedade civil coa administración, que non debe reducirse a unidades ou materias que a xente identifica moito coa discapacidade'.

Por último, Pacheco destacou a función das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como algo 'que forma parte xa da nosa vida e está aquí para quedar e para, se o sabemos utilizar, aplicar, comprender e facer accesible, facernos a todos a vida máis fácil'.

A presidenta de AMIFP, así mesmo, referiuse ás TIC coma un elemento que 'veu a democratizar o acceso á información e á cultura e que é un recurso que pode sacar ás persoas con discapacidade do illamento no que moitas veces nos vemos abocadas polas barreiras que nos rodean'.

As xornadas tratarán de analizar e reflexionar sobre as variables que inciden na sociedade, tendo moi presente á discapacidade e avaliando o papel que adquiriron nos últimos anos as novas tecnoloxías e a súa influencia sobre a propia discapacidade, en xeral, e sobre a accesibilidade universal, en particular.

Ademais, o acto incidirá no principio de igualdade de oportunidades e na necesidade de que as persoas con discapacidade, así como os seus familiares, as organizacións sociais e as administracións, loiten por conseguir a súa inclusión nas diferentes áreas sociais.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal