Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Stephen Downes

O experto en e-Learning Stephen Downes, nun curso sobre aprendizaxe aberta e redes sociais na USC

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 09/06/15 (07:49)

Entre o 21 e o 24 de xullo desenvolverase na Universidade de Santiago de Compostela o curso de verán 'MOOC e Redes sociais'. A actividade convócase co obxectivo de fomentar o diálogo acerca destes espazos formativos, as súas posibilidades, limitacións e as condicións que se están a xerar no ámbito da universidade nestes últimos anos para o seu desenvolvemento a todos os niveis comunicativos e de participación. En palabras da organización, “proponse presentar a situación dos MOOC e o seu impacto real no ensino de hoxe, expor as metodoloxías de aprendizaxe máis idóneas para a implantación dos MOOC e amosar o impacto destes nos roles que xogan o alumnado e o profesorado no proceso de ensino”. Por certo que MOOC é o acrónimo en inglés de massive open online course e pódese traducir ao galego como curso en liña masivo e aberto.

Ademais presentaranse plataformas e ferramentas que facilitan a xestión e creación de MOOC, mostrando como as necesidades deste tipo de cursos requiren de novas solucións tecnolóxicas e desenvolverase unha serie de obradoiros formativos sobre o uso de ferramentas, metodoloxías e boas prácticas que permiten a creación de MOOC.

O curso contará coa presenza de Stephen Downes, un dos máis reputados e influentes investigadores no eido da aprendizaxe electrónica (e-learning) e considerado o creador do primeiro MOOC. Ademais, haberá conferencias impartidas por prestixiosos pedagogos como Gráinne Conole, directora do Institute of Learning Innovation (University of Leicester), e Jordi Adell Segura, director do Centre d’Educació i Noves Tecnologies dá Universitat Jaume I de Castelló; así como recoñecidos investigadores no ámbito do ensino telemático como Carlos Delgado Kloos, da Universidade Carlos III de Madrid, e Martín Llamas Nistal, da Universidade de Vigo.

O curso da Universidade de Santiago vén da man de Manuel Lama Penín e Adriana Gewerc Barujel, contando coa colaboración de Ana Rodríguez Groba, Almudena Alonso Ferreiro e Borja Vázquez Barreiros. Comezará o martes 21 de xullo para rematar o día 24 do mesmo mes.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal