Chegou o día, e Kickstarter España botou a andar con ducias de novos proxectos desenvolvidos dende o noso territorio, de xeito que xa non é preciso ter sede en EE.UU. ou Reino Unido para poder lanzar un proxecto de micromecenado dende a plataforma máis popular a nivel mundial.
A oferta española inicial é bastante ampla, cuns 39 proxectos dos que, cando menos, hai un galego, QR enxebre, emprendido polo vigués Andrés Fontán, que quere converter en produto o seu concepto de selo de caucho que busca axudar a promocionar información a nivel dixital a través dun código QR personalizado. Temos así que, de xuntar os 3.000 euros que busca, poderá confeccionar tacos de madeira de piñeiro nos que se adherirá unha peza de goma de caucho co releve que permite a estampación do noso código QR, combinando así conceptos modernos e tradicionais.
Sobra dicir que o resto de proxectos que chegan a Kickstarter dende España son moi variados, e así temos un libro de fotografías que busca reflectir a cultura española, un xogo de estratexia e quebracabezas con temática steampunk titulado Steamroll ou incluso un instrumento musical dixital inspirado no Hang, que está a causar furor. Xogos, aplicacións móbiles, álbums musicais... podemos ver un pouco de todo en Kickstarter España, non faltando o típico proxecto simpático, coma o da tortilla española, para o que buscaban 10 euros, e que xa completou o seu financiamento grazas a 6 patrocinadores.
Rexístrate como: