Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Fernando Suárez durante a charla en Down Compostela

O CPEIG achegou aos usuarios de Down Compostela as vantaxes das TIC e os seus posibles malos usos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 01/06/15 (13:43)

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, achegou o venres pasado unha charla sobre seguridade na Rede na sede da Fundación Down Compostela. A charla do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia tivo como obxectivo formar aos usuarios e usuarias do servizo de Inclusión Social e Laboral da Fundación no uso das novas tecnoloxías, facendo especial fincapé no potencial destas para mellorar nas persoas as súas capacidades de aprendizaxe e de comunicación. Tamén salientou as oportunidades que brindan as novas ferramentas para mellorarmos as nosas posibilidades de inclusión.

A charla tivo a súa orixe na aposta de Down Compostela por tirar partido das ferramentas da Sociedade da Información con vistas a mellorar a formación dos seus membros (máis dun cento de persoas). Asemade, respondeu ao interese da entidade santiaguesa por optimizar o uso que se lles dá ás devanditas ferramentas, garantindo a máxima autonomía dos usuarios e a meirande seguridade nas súas comunicacións. Segundo sinala a fundación acerca desta aposta, trátase de formar a este colectivo que representa Down Compostela cos coñecementos precisos para optaren os seus membros a un posto de traballo nunha contorna normalizada na que o manexo da Rede resulta crucial. En base a isto, a charla do CPEIG convocouse para “poder aproveitar os recursos que ofrece a Rede e que axuden a concienciar aos usuarios e usuarias da necesidade de adoptar as medidas de seguridade axeitadas no uso das novas tecnoloxías”. A charla informativa impartida por Fernando Suárez representou un novo paso neste obxectivo de normalización TIC.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal