Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Promoción da campaña no Campus de Ourense

O Campus de Ourense intégrase na campaña solidaria de recollida de móbiles de Unicef e Orange

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/05/15 (11:50)

A campaña solidaria Constrúe o seu futuro de UNICEF e Orange está a asentarse na nosa terra. Máis polo miúdo no Campus de Ourense, da man do seu Gabinete Psicopedagóxico, que colaborando con esta iniciativa nos centros universitarios da Cidade das Burgas procura dous obxectivos base: por unha banda recadar axudas para países e contornas desfavorecidas no plano socioeconómico e, pola outra, concienciar sobre a importancia da reciclaxe de material tecnolóxico. De feito, Constrúe o seu futuro consiste en mobilizar aos usuarios de móbiles para que entreguen os aparellos que xa non usan. O proxecto conseguirá un mínimo de 2 euros cos que se poderá lograr que un neno ou nena da República Dominicana aprenda a ler e a entender o que le.
Segundo explican desde o propio gabinete, a idea xurdiu ao coñecer a campaña e ver que era posíbel implicar nela e nas súas arelas solidarias aos membros da comunidade universitaria dun xeito sinxelo e accesíbel. Para facelo, as súas técnicas repartiron polo Campus (nas conserxerías dos edificios de Ferro, Politécnico e Xuridico-Empresarial e na Biblioteca Rosalía de Castro), as caixas de recollida de móbiles e os carteis promocionais nos que se explica o proxecto. As persoas interesadas en participar só teñen que depositar antes do 30 de xuño nestas caixas o seu teléfono vello e xa o Gabinete Psicopedagóxico se encarga da recollida e do envío do material doado polos membros da comunidade universitaria aos promotores da iniciativa.

O proxecto Construye su futuro, informa o Gabinete, naceu en 2012 da colaboración de UNICEF e Orange para axudar a máis de 220.000 menores en zonas fronteirizas e marxinais de República Dominicana. Co diñeiro recadado a organización humanitaria poderá traballar de forma integrada con nenos e nenas, familias, docentes e o propio goberno para mellorar a calidade do ensino, “para que as escolas sexan un lugar seguro, sen violencia, que axuden a todos os nenos e nenas a prosperar e a desenvolver o seu potencial e o seu talento”.

As persoas interesadas poden participar na campaña a través de diferentes tipos de doazóns que se poden consultar na páxina web do proxecto. Até o de agora, levan recadado 419.847 euros, faltando 80.152 euros por conseguir.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal