Media Markt, cadea de equipamento electrónico e informático con presenza na nosa terra (Vigo, A Coruña, Ferrol e Lugo), vén de asinar un acordo de colaboración coa Cruz Vermella e coa Plataforma Europea para a Reciclaxe (ERP) co fin de apoiar o Proxecto de Promoción do Éxito Escolar da sección xuvenil da devandita institución humanitaria e achegar a tecnoloxía aos nenos e nenas co obxectivo de diminuír os índices de absentismo e fracaso escolar. O convenios, sinalan fontes da cadea de orixe xermana, servirá para levar a cabo diferentes accións de axuda aos mozos no ámbito educativo.
O obxectivo, como dixemos, é tirar proveito das tecnoloxías como ferramentas para interesar ás novas xeracións e, a partir de aí, contrarrestar as altas cifras de absentismo. Segundo fixo saber na sinatura do convenio Ferrán Reverter, director xeral de Media Markt en España, “a tecnoloxía converteuse nunha ferramenta indispensable na escolaridade dos mozos, necesaria tanto na realización de tarefas escolares como para o desenvolvemento social e persoal dos mozos de hoxe en día”.
A primeira acción levada a cabo no marco deste convenio coincidirá co Plan Renovator de Media Markt: todos os portátiles, computadores de sobremesa e netbooks en bo estado que poidan ter unha segunda vida e fosen recollidos durante a campaña do 28 de maio ao 7 de xuño, nas 75 tendas Media Markt en España e en mediamarkt.es, irán destinados ao Proxecto de Promoción do Éxito Escolar de Cruz Vermella. ERP será a encargada de comprobar o estado de todos os portátiles, computadores e netbooks, así como de potenciar a reutilización dos mesmos. Trátase do primeiro paso dunha colaboración a longo prazo entre as tres entidades.
Rexístrate como: