Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Xornada de Google e Centac sobre Cloud e accesibilidade

Google e CENTAC fomentan o uso de solucións accesibles nunha xornada sobre Cloud e accesibilidade

  • Recoñecemento de voz, uso de lupa, compatibilidade con lector de pantalla ou sistemas Braille son algunhas das funcións accesibles de Google que se presentaron na xornada.
  • 'Todos os enxeñeiros de Google reciben formación específica en accesibilidade', Rafael Sánchez, Sales Engineer de Google.
  • 'Máis do 20% das empresas en España traballan xa na nube', Juan Luís Quincoces, director xeral de CENTAC.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 25/05/15 (10:29)

CENTAC, Google España e o seu socio tecnolóxico myG organizaron unha xornada técnica sobre Cloud e accesibilidade dirixida a profesionais, asociacións e fundacións.

A través do paquete 'Google for Work', un conxunto de aplicacións para a informática colaborativa e traballo na nube, a xornada tivo como obxectivo presentar solucións de Google con accesibilidade, así como mostrar funcionalidades específicas xa dispoñibles en produtos coñecidos como Gmail, Drive ou Chrome.

Recoñecemento de voz, uso de lupas, combinacións de teclas, acceso a lector de pantalla ou sistemas compatibles con Braille son algunhas das funcionalidades que xa presentan moitos dos servizos máis populares de Google. 'Implementamos a accesibilidade desde o principio', indicou Rafael Sánchez, Sales Engineer de Google. Ademais, 'todos os enxeñeiros de Google reciben formación específica en accesibilidade para incorporala a todos os nosos dispositivos e aplicacións', engadiu Sánchez.

A accesibilidade en Google promóvese en enxeñeiros, desenvolvedores e empregados. 'Temos un equipo central en Google só enfocado a temas de accesibilidade', explicou Germán Martínez, director técnico de myG, partner de Google. Así mesmo existen programas de fomento da accesibilidade na investigación e o ámbito académico.

Solucións de accesibilidade en Google
En concreto, en materia de accesibilidade o navegador Chrome permite soporte para baixa visión, accesos de teclado e táctiles, soporte para lectores de pantalla e documentación de deseño para desenvolvedores.

O sistema operativo Android para teléfonos móbiles presenta novidades de accesibilidade por exemplo usar contrasinais mediante a voz, síntese de voz, texto grande e de alto contraste, subtítulos ou xestos de lupa para usuarios con problemas de visión.

O correo electrónico Gmail acepta lectores de pantalla tanto para vista básica de HTML como para vista estándar, funcións principais accesibles mediante teclado, admite lupa e a opción para mostrar botóns como texto en lugar de iconas.
Aplicacións como Calendario, Follas de Cálculo e Presentacións tamén soportan lectores de pantalla, combinacións de teclas e o uso de lupas. Os Hangouts de Google para reunións e formacións pódense subtitular en directo e poden incorporar unha pantalla para un intérprete en lingua de signos.

O procesador de texto Google Docs é un dos que máis opcións ofrece para persoas con discapacidade xa que incorpora o Speech Recognition ou recoñecemento de voz que é compatible con sistemas de Braille.

A tormenta perfecta da nube
Para Juan Luís Quincoces, director xeral de CENTAC, a nube veu para quedar e supón 'unha tormenta perfecta' na mentalidade de empresas e usuarios. 'Máis do 20% das empresas españolas traballan xa na nube'. Nos próximos anos crearanse 'ao redor de 14 millóns de empregos novos para servizos na nube, dos cales 134.000 serán en España', asegurou.

O aforro en custos, o acceso ubicuo, a continua actualización ou a escalabilidade son algunhas das súas principais características para Quincoces. Con todo 'a accesibilidade é fundamental e debe formar parte do noso desenvolvemento persoal e profesional', concluíu.

A xornada sobre Cloud e accesibilidade celebrouse na sede de Google España na Torre Picasso de Madrid e asistiron representantes do Ministerio de Sanidade, FEAPS, Down Madrid, FEDACE, ASPAYM Madrid, PREDIF, FIAPAS, Fundación Universia, Fundación CNSE, FAMMA-COCEMFE e Ilunion Consultoría.

Tema: Xeral
Fonte: Centac
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal