Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Dispositivos beacon

Innovacións con tecnoloxía ‘beacon’

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 07/05/15 (08:38)

Investigadores da Facultade de Informática da Universidade Pontificia de Salamanca (UPSA) están a comezar a traballar coa tecnoloxía beacon, baseada en Bluetooth Low Energy ou Bluetooth 4.0. Mediante este sistema unhas balizas (beacons en inglés) pódenlle mandar sinais a teléfonos móbiles próximos, o cal ten numerosas aplicacións: desde a localización en interiores ao envío de ofertas a clientes e moitas outras posibilidades aínda por explorar.

Os smartphones ou teléfonos intelixentes máis avanzados están a empezar a incluír os sensores necesarios para captar este sinal, que ten un alcance medio, duns 50 metros, e unha gran vantaxe: apenas consome batería. Se a móbil conta coa aplicación pertinente, os usos poden ser diversos.

'En Estados Unidos xa se está utilizando en centros comerciais, onde os clientes poden recibir ofertas en función do seu perfil', pon como exemplo Montserrat Mateos, membro do equipo de Investigación TESEMOW (Tecnoloxías e Servizos de Mobilidade e Web). Como en ocasións anteriores, este grupo está a probar unha das últimas novidades tecnolóxicas para sacarlle o máximo partido. 'O noso obxectivo é innovar, ir por diante para achegar algo á sociedade e que se poidan desenvolver ideas e aplicacións a partir dos nosos resultados', comenta.

Unha das maiores utilidades pode ser a localización en interiores. Do mesmo xeito que o GPS se emprega como guía no exterior, a tecnoloxía beacon pode ser unha boa alternativa para indicar a posición de lugares ou persoas dentro de edificios, onde o sinal de satélite non chega. 'Desde o punto de vista da tecnoloxía son dous sistemas que non teñen nada que ver entre si, pero poderían ter un uso similar, tendo en conta que o GPS sería para exteriores e os beacons para interiores', apunta a profesora.

Coa tecnoloxía beacon cada baliza emite un sinal e o dispositivo móbil pode recoñecelo e calcular a distancia que os separa. Así, se se colocan unha serie de balizas nun lugar como a sede central da Universidade Pontificia de Salamanca, o usuario podería chegar até o punto desexado, como unha aula ou un despacho, igual que cando realiza unha procura a través de GPS na rúa. De feito, este proxecto xa está en marcha, a cargo de Roberto Berjón, investigador do grupo TESEMOV, e un grupo de alumnos no marco do Club Universitario de Innovación da institución académica. En calquera caso, a idea é extrapolable a outros edificios públicos como hospitais e museos, pero ten tamén un gran potencial comercial: por exemplo, xa existen probas sobre como pagar sen pasar por caixa a través deste sistema.

Os propios teléfonos móbiles tamén poden converterse en emisores do sinal, aínda que para a maioría dos usos a instalación de balizas parece o máis indicado, xa que o custo de cada un destes elementos é relativamente baixo.

Algúns expertos consideran que beacon podería chegar a substituír a NFC (Near Field Communication), tecnoloxía na que Montserrat Mateos e o seu grupo veñen traballando nos últimos anos, un sinal tamén inalámbrico pero de curto alcance, que funciona ao achegar fisicamente o móbil a poucos centímetros dunha etiqueta ou doutro móbil, coa que os investigadores da UPSA desenvolveron varios proxectos.

 

Anos de traballo con NFC

Un deles foi un prototipo de pago para as prazas de aparcadoiro da ORA mediante o móbil. Outro permitía elaborar e xestionar listas da compra para invidentes utilizando tamén o teléfono. Un terceiro estaba pensado para facilitar a comunicación de persoas maiores pouco familiarizadas coas novas tecnoloxías, posto que usando etiquetas NFC asociadas a imaxes, podían realizar unha chamada con só achegar o móbil á foto da persoa que desexasen.

Os últimos proxectos con NFC foron para o control de asistencia a clase, que se pode extrapolar a outros usos, como o control de persoal nun posto de traballo. Ao entrar na aula, os alumnos só tiñan que achegar o móbil a un dispositivo ou ao teléfono do profesor para que se contabilizase a súa presenza. A evolución deste sistema foi o proxecto 'Clock in', que se presentou na pasada edición do Club Universitario de Innovación da UPSA, no que os alumnos son os protagonistas da investigación, e que incluía como lector unha placa de Arduino, plataforma de hardware libre.

Despois de anos de investigación ao redor desta tecnoloxía na UPSA, é precisamente agora cando o uso de NFC comeza a xeneralizarse. Un exemplo é que está incluída no novo DNI electrónico. Por iso, 'nós non cremos que beacon chegue a substituír a NFC, senón que son dous sistemas complementarios dentro da comunicación inalámbrica', asegura Montserrat Mateos.

En xeral, o obxectivo do grupo de investigación TESEMOV é sacarlle o máximo partido aos smartphones e ás tecnoloxías coas que se relacionan: 'Traballamos para facer o mundo do noso ao redor máis intelixente e máis accesible co móbil, un dispositivo que ten moitas posibilidades'.

Tema: Xeral
Fonte: DiCYT
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal