Unha alumna da Universidade Rei Juan Carlos (URJC) deseñou un prototipo de bastón intelixente para persoas invidentes ou con discapacidade visual. Está pensado para o guiado en interiores e basea o seu funcionamento na tecnoloxía RFID, como as tarxetas sen contacto bancarias ou do abono transporte, a que permite, grazas a un lector instalado ao final deste prototipo, ler a información dunha serie de etiquetas colocadas no chan dun edificio.
Esta información é filtrada por un microcontrolador incorporado ao bastón e transmitida ao teléfono empregando tecnoloxía Bluetooth. O teléfono recibe os datos, que indican o punto onde se atopa a persoa e comunica os pasos que debe seguir mediante indicacións por voz.
Este traballo, proxecto fin de carreira de Elena Calvo Marañón, enmárcase nos proxectos sobre accesibilidade Ver coas mans da área de Tecnoloxía Electrónica da URJC, onde tamén deseñaron unha aplicación móbil para o guiado accesible en espazos interiores e exteriores. A diferenza agora é a forma na que se obtén a información para o guiado, xa que no deseño da alumna os datos da localización detéctaos o bastón.
Polo momento, este prototipo só se probou en espazos interiores, aínda que existe a posibilidade de implantalo en exteriores mediante o uso de pavimento intelixente. A base é a identificación por radiofrecuencia (RFID), unha tecnoloxía de captura e recoñecemento automático de información contida en etiquetas electrónicas. Consiste na transmisión de información de maneira inalámbrica e sen contacto entre o colector da información e o lector. A principal vantaxe é que as etiquetas son pasivas, é dicir, que non requiren dunha batería de alimentación, a súa fabricación é sinxela (unha antena máis un pequeno microchip) e o seu prezo é barato. Na actualidade, esta tecnoloxía conta cun alto grao de implantación na actividade diaria empresas, institucións e cidadáns, sendo empregada en medios de pago, tarxetas de control de accesos (como aparcadoiros, portas ou abonos transporte), sistemas antirroubos e outras aplicacións.
Rexístrate como: