Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Escombros producidos por el terremoto de NepalCascallos producidos polo terremot

Esta 'app' está salvando vidas en Nepal

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 30/04/15 (10:03)
Pouco despois de que Nepal sufrise un terremoto de magnitude 7,8 o sábado pasado, as redes sociais enchéronse de informes sen verificar de persoas atrapadas e edificios danados. Como podían saber as organizacións humanitarias onde acudir primeiro? Como saber que relatos eran certos?
 
Para detectar os rumores falsos, que son unha perda dun tempo moi valioso, Justine Mackinnon reuniu voluntarios locais para usar unha ferramenta web experimental que serve para verificar colectivamente os rumores o máis rápido posible.
 
Mackinnon é a presidenta de Standby Task Force, un grupo de "humanitarios dixitais" voluntarios que se activa despois dos desastres a petición das axencias internacionais e as organizacións locais de axuda. A Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios colocou á organización de Mackinnon ao cargo do enorme esforzo de cribar centos de miles de tuits desde Nepal para axudar aos traballadores a identificar as zonas prioritarias.
 
Moitas veces, con que haxa unha gran cantidade de tuits desde un mesmo lugar informando sobre a mesma cousa é verificación suficiente, explica Mackinnon. Pero ás veces o equipo atópase con tuits que "non encaixan de todo" co que está a dicir o público en xeral. Moitas veces non son certos, pero é fundamental que se verifiquen canto antes por se conteñen información vital. Para facelo, o seu grupo sobe unha "solicitude de verificación" en forma de pregunta con resposta pechada de si ou non, a unha nova plataforma web chamada Verily.
 
Os usuarios poden ir ao sitio web de Verily e ler tutoriais breves sobre formas sinxelas e establecidas de verificar cousas como a fonte dunha imaxe ou a data e localización dun informe nunha rede social. Poden responder a preguntas de verificación de si ou non sobre informes sempre que presenten unha proba que apoie a súa resposta, unha foto que corrobore o que se di, por exemplo. Os usuarios tamén poden compartir solicitudes de verificación coas súas propias redes sociais. Baseándose nas probas subidas polos usuarios de Verily, o equipo de Mackinnon pode pasar a información ás organizacións de axuda. A idea é "facer pensamento crítico colectivo", afirma un dos creadores da ferramenta e cofundador de Standby Task Force, Patrick Meier.
 
Meier, que é director dun programa de innovación social no Instituto de Investigación en Computación de Qatar, traballaba antes como director de mapas de crises para Ushahidi, unha plataforma web desenvolvida en 2008 para facer un seguimento da violencia e os altercados durante os efectos dunha disputada elección en Kenia. Desde entón usouse para agregar informes durante as manifestacións en Oriente Medio e despois do devastador terremoto de 2011 en Xapón. Agora Ushahidi é unha das numerosas organizacións que contribúe ao esforzo de recollida de datos que dirixe Standby Task Force.
 
As ferramentas como Verily só teñen auténtico valor se as usa moita xente, e Mackinnon afirma que construír unha comunidade foi o maior desafío en Nepal, igual que durante a primeira proba da plataforma despois de que un ciclón azoutase Vanuatu en marzo pasado. Durante o último par de días, o equipo estivo ensinando a uns 200 traballadores voluntarios nepalís a usar a plataforma, coa esperanza de que estes recruten a outros de entre as súas redes persoais.
Tema: Xeral
Fonte: MIT TechnologyReview
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal