TokApp, compañía galega nada en 2013 e fundada por Javier Romero, está estes días lanzando ao mercado unha plataforma de mensaxería instantánea para que centros educativos, profesores, pais e alumnos poidan poñerse en contacto entre eles de maneira máis rápida e eficaz. A plataforma ten a súa orixe no obxectivo de mellorar a comunicación nas comunidades docentes e evitar “calquera tipo de incidencia”. A aplicación chámase TokApp School e, segundo informan fontes da empresa galega, está a desembarcar xa en 43 cidades estatais. A previsión é a de chegar a 200 antes de que remate o ano.
Máis en detalle, os desenvolvedores da ferramenta docente decidiron creala cando se decataron de que algúns alumnos adoitan esquecerse de avisar aos seus pais de actividades relevantes do centro ou de entregar unha circular, incluso algúns centros aínda non informan os pais da falta de asistencia dos seus fillos. “A través da app”, explican, “colexios e profesores poden comunicarse con pais e alumnos mediante mensaxería instantánea ilimitada aforrando así tempo e material como cartas ou circulares, que poden perderse de camiño a casa, coa peculiaridade de saber en que intre, con data e hora exacta, o usuario leu a mensaxe, ademais de poder solicitar unha resposta só se o centro ou o profesor o require”.
E engaden: “Tras máis de dous anos de desenvolvemento e investimento propio, seguimos a traballar para levar a nosa iniciativa a novas cidades e medrar aínda máis nas que xa estamos presentes”. Neste 2015 a intención é ter presenza en máis de 200 cidades españolas, comenta Javier Romero, fundador da compañía, que salienta entre outras cousas o nivel de seguridade e privacidade do seu novo servizo, que é quen “de preservar os datos persoais tanto de pais e alumnos como de profesores, polo que non é preciso revelar o número de teléfono para rexistrarse, nin se visualizará durante as mensaxes”. De feito, as respostas que se envíen a unha notificación soamente poderán ser lidas polo emisor desta.
A aplicación, de descarga gratuíta e baixo licenza de uso para o centro educativo, permite enviar calquera tipo de arquivo como fotografías, vídeos ou PDF e programar o seu lanzamento cando se desexe, “unha vantaxe para os profesores, que poden planear as súas informacións, así como xestionalas desde calquera parte do mundo”, engade Romero.
Rexístrate como: