Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
logo CemitInnova

A Amtega selecciona as 10 aulas da rede CeMIT nas que se pon en marcha o proxecto CeMIT-Innova

  • Os centros de Abegondo, Padrón, San Sadurniño, Eirís (A Coruña), Vimianzo, Boiro, Oroso, A Estrada, Verín e Sarreaus impulsarán ata outubro iniciativas sociais baseadas nas TIC para dar resposta ás necesidades da súa contorna
  • Ao remate deste período elaborarase unha Guía metodolóxica cos resultados da avaliación dos proxectos, que facilitará a súa extensión ás aulas que o desexen
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 28/04/15 (08:28)

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Fundetec vén de seleccionar os 10 centros piloto da rede CeMIT que participarán no proxecto de Innovación Social Dixital, CeMIT-Innova. Este proxecto  busca  resolver retos locais ligados á educación, á saúde ou ao emprego, entre outros, a través de iniciativas cunha base tecnolóxica deseñadas polos cidadáns e axentes locais.

Ata o vindeiro mes de outubro, as aulas CeMIT de Abegondo, Padrón, San Sadurniño, Eirís (A Coruña), Vimianzo, Boiro, Oroso, A Estrada, Verín e Sarreaus, converteranse en espazos de encontro para a análise das necesidades sociais da contorna, e xunto coa cidadanía e os colaboradores dixitais do territorio, establecer os mecanismos para a súa resposta a partir dun proxecto de Innovación Social Dixital.

Para iso, as aulas e os seus responsables contarán con ferramentas tecnolóxicas para o traballo colaborativo (Comunidade Google +, foro de debate para a conversación virtual, ferramenta ‘Hangout’ e páxina web do proxecto), ademais do acompañamento de expertos, que lles axudarán no deseño e posta en marcha dos proxectos. Todo iso a partir dun enfoque de traballo en rede que facilite a compartición de ideas e solucións entre as aulas e os implicados nos proxectos de Innovación Social Dixital en cada territorio.

Unha vez concluído o período dos traballos do proxecto CeMITInnova, no mes de outubro, os seus resultados servirán para a elaboración dunha Guía metodolóxica cos resultados da avaliación das iniciativas e un manual uso das principais ferramentas colaborativas do proxecto. Esta publicación facilitará a a extensión destas solucións ás aulas que estean interesadas en empregalas. 

Os proxectos
A elección das aulas levouse a cabo entre as 20 solicitudes presentadas, que debían incluír unha proposta de proxecto de Innovación Social Dixital,  e ter participado no  ‘Encontro CeMIT-Innova, unha xornada para a Innovación Social Dixital’, celebrado en Santiago o pasado 24 de marzo.

As propostas presentadas polas aulas seleccionadas para a súa participación no proxecto foron:

Aula CeMIT de VERÍN: VERÍN HACKLAB, UN LABORATORIO DESDE O QUE IMPULSAR USOS SOCIAIS DA TECNOLOXÍA NUNHA CONTORNA LÚDICA
"Verín Hacklab" pretende ser un espazo físico de encontro, debate, aprendizaxe e difusión sobre diferentes usos sociais da tecnoloxía.

Aula CeMIT de SARREAUS: APP PARA AGRICULTORES
Parten da idea de desenvolver unha aplicación móbil, que facilite aos agricultores locais tanto tarefas básicas de xestión, como o acceso a información de interese. Está focalizada en atender as necesidades dun sector ata agora fora do grupo de usuarios ‘habituais’ da Rede CeMIT.

Aula CeMIT A ESTRADA: EMPRENDEMENTO E INTERMEDIACIÓN LABORAL
Desde A Estrada preséntase unha proposta dirixida a dinamizar e promover proxectos emprendedores. 

Aula CeMIT de VIMIANZO: POSTA EN VALOR DA ARQUEOGASTRONOMÍA DE VIMIANZO EN INTERNET
Coa súa proposta, buscan a participación cidadá e a implicación de diferentes colectivos, para despregar toda unha estratexia de márketing e posicionamento na Rede, que poña en valor o patrimonio histórico e etnolóxico de Vimianzo, reforzando o impulso turístico do seu atractivo local.

Aula CeMIT de BOIRO: PLATAFORMA DE COMUNICACIÓN E INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO/CULTURAL DIRIXIDA A EMIGRANTES
Con esta proposta, a aula de Boiro  pretende abordar a necesidade social de comunicación con persoas emigrantes, conformando unha rede de contactos que permita o intercambio cultural e lingüístico.

Aula CeMIT de OROSO: MELLORA DA EMPREGABILIDADE DOS VECIÑOS DE OROSO
A proposta está dirixida a implementar – en estreita colaboración con desempregados, empresas e entidades locais – itinerarios formativos personalizados, sesións de mentorización para a mellora da empregabilidade e convenios coas empresas locais para impulsar prácticas laborais en contornas reais.

Aula CeMIT de PADRÓN: SISTEMA DE AUTENTICACIÓN ALTERNATIVO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL
A aula CeMIT de Padrón proponse traballar no desenvolvemento dun sistema alternativo de autenticación aplicado ao uso do equipamento informático das Aulas da Rede CeMIT, dirixido a persoas con discapacidade intelectual, promovendo a accesibilidade e usabilidade no acceso deste colectivo aos recursos e servizos que a Rede ofrece.

Aula CeMIT de ABEGONDO: PROMOCIONA ABEGONDO
Neste caso, desde a aula de Abegondo, preséntase unha proposta dirixida a abordar o concepto de ‘marca’ local, a través da participación cidadá, facéndolles partícipes da promoción turística do concello.

Aula CeMIT de SAN SADURNIÑO: TEÑO UNHA GRANXA EN SAN SADURNIÑO
Desde a aula CeMIT de San Sadurniño  proponse abordar o reto social da posta en valor do coñecemento e experiencia dos nosos maiores a través da tecnoloxía. Valores, consellos, tradicións, transmitidas agora da man dos nosos maiores, a través de modernas tecnoloxías, que servirán para poñer en valor o municipio, o medio rural, o traballo no campo e a oportunidade que esta contorna aínda representa. 

Aula CeMIT A Coruña: Eirís e BPMGG. INNOVACIÓN DIXITAL PARA A INCLUSION SOCIAL
Unha aposta conxunta, desenvolvida polas dúas Aulas CeMIT da Coruña (Eirís e a Bibilioteca Pública BPMGG) para abordar a procura de novas propostas metodolóxicas na alfabetización dixital e inserción sociolaboral de persoas en risco de exclusión.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal